A Festa do Albariño abre cinco días de brindis

Cambados xa presume do viño da D.O. Rías Baixas con 42 casetas de adegas para “beber en abundancia, pero con sentidiño”

O corte de cinta onte có alcalde, o presidente da Deputación e a conselleira de Medio Rural.
O corte de cinta onte có alcalde, o presidente da Deputación e a conselleira de Medio Rural. | D.P.

Cambados “vive do mar, pero bebe da terra”. Esa foi a mellor definición que fixo da capital do viño da D.O. Rías Baixas o pregoeiro José Manuel Domínguez, encargado de abrir a LXXIII Festa do Albariño ás 13.15 horas de onte.

Centos de persoas soportaron o sol na Praza do Concello para dar a benvida a esta celebración de exaltación dos caldos do Salnés, a festa decana vitivinícola que onte volveu a demostrar todo o seu orgullo e grandeza no Paseo da Calzada, onde ofrecerá actividades, concertos e moita festa ata o domingo 3 de agosto.

Acompañado polo alcalde de Cambados, Samuel Lago, Domínguez defendeu o poder e a calidade do viño Albariño facendo un repaso pola historia dunha vila “con xente amable e acolledora”, que presume de ter un dos mellores caldos brancos do mundo. O cambadés de adopción e exfutbolista do Pontevedra C.F., rematou facendo un chamamento á participación na festa invitando a veciños e foráneos a tomar o “Albariño en abundancia, pero con sentidiño”.

Acto seguido abríronse as 42 casetas, con viños de 44 adegas, situadas no Paseo da Calzada, malia que dende o mediodía moita xente aproveitou xa para adiantar a cata. Todos os colleiteiros ofrecen a posibilidade de tomar unha copa por un prezo fixo de 2,50 euros, mentres que quen queira levarse unha botella, o custe varía desde os 12 euros ata máis de 20, en función do tipo de viño, segundo explicaron as adegas a Atlantico.

Un grupo de amigos gozando da Festa do Albariño
Un grupo de amigos gozando da Festa do Albariño | I.L.

Na apertura participaron, ademais da corporación municipal, a conselleira de Medio Rural, María José Gómez, quen definiu a festa como “un referente” para a comunidade e unha mostra “desa Galicia Calidade pola que apostamos desde a Xunta”. Tamén estivo o presidente provincial, Luis López, que destacou ao evento coma un dos “símbolos da provincia de Pontevedra” e recordou que esta festa foi a primeira enogastronómica da provincia en ser declarada de Interese Turístico Internacional.

Brindis oficial durante a inaguración da festa do Albariño de Cambados.
Brindis oficial durante a inaguración da festa do Albariño de Cambados. | D.P.

Con todo, turistas e cambadeses e veciños doutros municipios do Salnés xa gozaron dos primeiros brindis. Ese foi o caso de Lourdes y Mario, que chegaron desde Donosti para probar o viño que “ten tanta fama”. E non lles defraudou. Nunha mesa lindeira, un grupo de amigos de Meis dan conta dun branco cunhas empanadas de berberechos e moitas ganas de pasalo ben.

Ademais das adegas, no recinto hay unha decena de foodtrucks cunha ampla oferta gastronómica á que se suma un programa cultural e festivo. De feito, unha das actuacións estelares xa tivo lugar o pasado martes coa orquestra Panorama, ateigando o recinto de milleiros de persoas.

A LXXIII Festa do Albariño continuará hoxe coa primeira cata de viños no Parador de Turismo e coa apertura do Túnel do Viño, con sesións de 90 minutos organizadas polo Consello Regulador D.O. Rías Baixas. O concerto de M80 na Praza de San Gregorio comenzará a partir das 21.00 horas, á que lle seguirá a música tradicional galega co grupo Treixadura e a orquestra Los Players.

Contenido patrocinado

stats