Carril repartirá 3.000 quilos “da mellor ameixa do mundo”
O Salnés
A Festa da Ameixa celebrarase o 8 e 9 de agosto en Vilagarcía coa degustación de 9.000 racións nun ano difícil para o sector
Vilagarcía de Arousa celebrará a XXXI Festa da Ameixa de Carril os vindeiros 8 e 9 de agosto cunha maior austeridade debido a situación que atravesa o sector, pero conservando a calidade do produto estrela da ría arousana.
O patrón maior da Cofradía de Pescadores Santiago Apóstol de Carril, Javier Quintáns, explicou que “polas circunstancias nos paróns que tivemos este ano hai que apretarse un pouquiño e imos prescindir do pregón e acto inicial que subían moito o presuposto para manter a degustación e o persoal”. Quintáns engadiu que “agradecemos as chamadas que tivemos da xente que se prestou a colaborar con nós desinteresadamente, ainda que non a aceptamos porque cremos que a xente ten que cobrar o seu esforzo e esperamos que os veciños e os turistas nos acompañen”.
O patrón maior da cofradía asegurou que os parquistas teñen reservados 3.000 quilos de ameixa para a festa, na súa maioría xapónica, o que equivale a unhas 9.000 racións. “Iso é ao que esperamos chegar coma o ano pasado”, afirma Javier Quintáns. O prezo dunha ración de ameixa á mariñeira será de 14 euros e, a maiores, haberá unha paella de arroz xigante de ameixas e berberechos para mil racións estimadas o sábado 8 de agosto pola tarde.
O Concello de Vilagarcía habilitará unha venda online de tiquets a través da páxina web municipal a vindeira semana e tamén compraranse na propia lonxa de Carril e na festa os dous días.
A este respecto, o rexedor de Vilagarcía, Alberto Varela, ensalzou a ameixa de Carril como “a mellor do mundo” e engadiu que, “se non leva ese apelido é que non o é”.
Varela puxo en valor o reto de facer esta edición cunha calidade moi boa e “que de seguro remontará”.
A lonxa de Carril tivo un mes de xullo “bastante bo”, segundo explica Moisés, un dos dous traballadores fixos dos seis que había. Nos lombos do Ulla perdeuse prácticamente o 100% da produción, pero na parte máis produtiva quedou o 80% da ameixa o que está permitindo remontar. “A ameixa xapónica aguanta dúas semanas chovendo polo que é a que estamos recollendo maioritariamente”, explica o traballador. Pola contra, a babosa apenas resiste e da fina hai “moi pouca”. Onte a ameixa xapónica alcanzou os 17 euros na poxa, “un bo día”, afirma Moisés.
Contenido patrocinado
También te puede interesar