A Festa do Albariño abre cun viño de cine

O actor Flako Estévez, protagonista de ‘San Simón’, leu un pregón cheo de retranca no que animou a participar na “mellor festa do mundo”, que se celebra en Cambados, con 44 adegas da D.O. Rías Baixas durante cinco días

Publicado: 29 jul 2026 - 16:35 Actualizado: 29 jul 2026 - 20:45
Flako Estévez leu o pregón na Casa Consistorial de Cambados.
Flako Estévez leu o pregón na Casa Consistorial de Cambados. | I.L.

Cambados abriu este mércores a 74 edición da Festa do Viño Albariño co pregón a cargo do actor Flako Estévez, quen tirou de retranca para enxalzar un dos caldos máis famosos do mundo.

“Cambados é un lugar único. Somos xente traballadora e tamén acolledora”, afirmou, tras facer un percorrido pola historia vital dunha festa que definiu como “a mellor do mundo. Os adegueiros fan que haxa máis catadores por metro cadrado que en Francia”, sinalou o actor cambadés, protagonista, entre outras, da película ‘San Simón’.

Dende o balcón da Casa Consistorial, acompañado polo alcalde, Samuel Lago, sentenciou que “Cambados é a auténtica capital do albariño” e finalizou cun brindis arredor dunha copa “para darlle grazas á vida”.

A continuación, a conselleira de Medio Rural, María José Gómez, encabezou a comitiva de autoridades, que cortou a cinta do Paseo da Calzada, onde nesta edición hai 42 casetas con 44 adegas. Ademais, participarán na cata oficial, 59 adegas da Deniminación de Orixe Rías Baixas e 212 no túnel do viño, un récord absoluto, segundo o Concello. O recinto abrirá ata o domingo desde o mediodía ata as tres da nadrugada de maneira ininterrumpida.

María José Gómez, Luis López e Samuel Lago cortaron a cinta da inauguración da festa.
María José Gómez, Luis López e Samuel Lago cortaron a cinta da inauguración da festa. | I.L.

Os prezos dunha copa de viño oscilan desde os 2 euros ata os 6, dependendo da variedade do viño, sendo o máis caro o espumoso. No que respecta ás botellas, varían desde os 12 ata os 40 euros a máis exclusiva. Todas eles forman parte dunha colleira “extraordinaria” do pasado ano, na maioría, e que para este 2026 tamén se prevé coma “moi boa”, segundo as adegas que esperan repetir o éxito da edición do 2025.

Na primera das xornadas, o recinto encheuse de veciños e visitantes apenas uns minutos despois de abrir as súas portas. Ata Cambados achegáronse persoas procedentes de toda Galicia, pero tamén doutras partes de España, Portugal e Inglaterra.

Un grupo de amigos de Dena, cuxas camisetas xa advertían que “esta sí é unha xoia, e non as de Sapatero”, mostraron a festa a outro grupo de Murcia, que comprobou por vez primeira “un sitio maravilloso. Toda Galicia lo es”. Ó seu carón, Mario e Xoana, de Lisboa, cataron un viño “do mellor que hai”.

Un grupo de visitantes á festa brindan co albariño.
Un grupo de visitantes á festa brindan co albariño. | I.L.

Concertos

Ademais de comer e beber, a 74 Festa do Albariño inclúe concertos e outras actividades. Mondra actuará hoxe ás 22.00 horas na Praza de Fefiñáns, xunto a Alana. A continuación, haberá verbena coa orquestra América de Vigo.

Mañá abrirase o Túnel do Viño Rías Baixas e, ás 21.00 horas haberá o concerto de Roa, mentres que o sábado será o turno de Rufus T Firefly, Cora Yako e Agoraphobia e o domingo haberá un gran espectáculo pirotécnico.

Amigos de Sanxenxo e Murcia, estrearon as casetas do viño.
Amigos de Sanxenxo e Murcia, estrearon as casetas do viño. | I.L.

Contenido patrocinado

stats