"Para que o rural teña oportunidades hai que dar solución, agardamos a autovía e a fibra"

Sandra González, alcaldesa de Tomiño

Publicado: 17 feb 2022 - 23:21 Actualizado: 18 feb 2022 - 12:24

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, visitou o set de Atlántico TV.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, visitou o set de Atlántico TV.

Nada en Tomiño, en 1973, Sandra González é alcaldesa da súa vila dende 2007. Militante do Bloque Nacionalista Galego, foi no seu momento a muller máis nova en levar o bastón de mando. A rexedora visitou o set de Atlántico TV para falar da realidade do seu Concello.

Pese a súa idade é unha das veteranas da política no Baixo Miño, xa que en 2022 fará 15 anos ao frente de Tomiño, tanto tempo supón un desgaste persoal?

Gústame moito, son feliz. É unha honra moi grande que me elixiran os veciños. É un traballo de 24 horas, sete días á semana por unha nunca deixa de ser alcaldesa. Máis que un traballo é unha ocupación, xa que é temporal, mentres os veciños queiran. Gústame ver materializados parte dos compromisos e soños que eu mesma tiven para o concello.

Entón, presentarase a unha nova reelección?

Non o decido eu, cando toque xa se verá.

Foi unha pioneira na bisbarra ao se por ao fronte dun concello e agora as mulleres son maioría. Feminizouse a política?

Avanzamos, pero non se pode baixar a garda. Somos o 51% da poboación, pero non o 51% en representación nin nos concellos, nen nos postos de poder. Se non estamos nos lugares onde se toman as decisións, pérdese unha parte do coñecemento que é do xeito feminino de ver a realidade. Temos que estar aí.

Centrándonos xa en Tomiño, o Parque da Amizade é un avance nese proxecto de eurocidade?

Tomiño é o concello do Baixo Miño que ten máis tramo de río, que non nos separa, senón que nos une a Portugal. Levamos anos a traballar no Parque da Amizade con Vilanova de Cerveira con quen somos eurocidade. É a materialización desa cidadanía fronteiriza, unhas 25 hectáreas de terro público entre Goian e Vilanova enfrontadas no río. Precisaba dunha continuidade cunha pasarela peonil, para que sexa unha área de lecer, unha zona franca social onde o importante sexan as persoas, onde predomine o coidado natural porque está dentro da Rede Natura de alto valor patrimonial. Amais permite aos galegos o acceso ao tren, que está ao lado portugués, favorecendo a mobilidade sostible que levamos anos reclamando.

Precisamente no rural é complicado lograr ese transporte sostible, como logran a cohesión no seu concello?

Tomiño é o paradigma da dispersidade en Galicia, hai moitas vivendas dispersas que aporta características especiais ao concello e fan que dotar de servizos resulte moi caro: a recollida lixo, a auga, o saneamento e tamén o transporte. Tentamos fomentar a centralidade de dous núcleos, Seixo e Goian como lugares de encontro. Máis a mobilidade rural a eses centros é algo complexo. Recentemente estiven en Pontevedra para coñecer o seu proxecto de coche por puntos, financiado con fondos europeos. Sacamos conclusións interesantes e imos transportar algunha destas.

A errada área metropolitana de Vigo suporía un alivio para estes gastos?

Si. Tomiño e o Baixo Miño levamos anos reclamando formar parte da área metropolitana. Somos os grandes prexudicados de non estar no Transporte Metropolitano e ter que pagar o billete máis caro. A Xunta perdeu a oportunidade de reordenar mellor a comunicación do rural coas cidades de referencia, Porriño polo traballo e Vigo.

Coa pandemia, foi Tomiño un dos concello s beneficiados polo éxodo urbano?

Sen dubida, nos últimos dez anos experimentamos un crecemento paulatino no padrón municipal e coa pandemia moitos dos que xa tiñan segunda residencias aquí establecéronse nelas e outros viñeron vivir e se padroaron en Tomiño. Temos moita demanda de vivenda, porque pese a ser o rural, non está afastado e ten moitas vantaxes o río, está a carón de Portugal e preto dunha cidade europea como Porto. O noso lema é “Identidade aberta”, temos unha campaña proactiva para que veña xente, “Ven a vivir a Tomiño”. O importante é que sexan felices en Tomiño.

Pero para atraer a poboación nova hai que lle ofrecer servizos de conciliación, como vai ese tema?

Hai anos que o temos resolto. Somo o único concello cun centro de día público e dúas escolas infantís públicas. Temos prazas para que as familias críen aos fillos na natureza e concilien ao tempo. Agardamos a autovía da Xunta e o despegue da fibra. Levamos pedindo unha mellor cobertura telefónica. Para que o rural teña oportunidades hai que lle dar solucións.

Tomiño defende un xeito diferente de sector primario. O agro ten futuro?

Temos unha agricultura moderna con produtos que chegan aos mercados europeos, exportan o 40% en floricultura, kiwi e novos cultivos, xunto ao viño da subzona do Rosal. En planta ornamental somos os primeiros produtores de Galicia e os quintos en España, é un sector que crea centos de postos de traballo, maioritariamente para mulleres. É o agro entendido doutra maneira porque a agricultura non só é gandería de vacas.

Contenido patrocinado

stats