A Deputación deixa pegada de case 10,4 millóns de euros

Luis López destaca a financiación para oito obras estratéxicas, unha por concello, que revitalizarán o espazo público

Luis López, onte na Guarda cos oito alcaldes do Baixo Miño e o Val Miñor.
Luis López, onte na Guarda cos oito alcaldes do Baixo Miño e o Val Miñor.

O presidente da Deputación, Luis López, destaca un investimento de 10,37 millóns de euros nos oito concellos das comarcas do Baixo Miño e o Val Miñor ao abeiro da primeira convocatoria do Plan Provincia Extraordinaria Plan Extra. O mandatario provincial dá continuidade na Guarda á serie de encontros comarcais iniciada hai unha semana en Moraña, seguida doutra no Porriño, para facer balance dos proxectos postos en marcha ao abeiro grazas a este novidoso programa que, dotado con 38M€ de euros de orzamento, atendeu o 100 % das solicitudes presentadas beneficiando aos 59 concellos de menos 50.000 habitantes da provincia. “O Plan Extra é un proxecto de provincia no que os concellos achegan as ideas e a Deputación, os recursos para executalas, moitas delas ao 100 %”, definiu Luis López a vocación dun plan que xa ten en marcha a súa segunda convocatoria, que volveu ser un éxito absoluto de concorrencia.

No Concello da Guarda, diante de rexedores, concelleiros e representantes do tecido veciñal dos nove concellos do Baixo Miñor e o Val Miñor: A Guarda, O Rosal, Tomiño, Tui, Oia, Baiona, Nigrán e Gondomar; o presidente da Deputación puxo o foco no carácter estratéxico e transformador dos oito proxectos que se están a executar xa ao abeiro deste Plan Extra, do papel da Deputación para financiar a maior parte das obras, o 100 % nalgúns casos; e na lealdade institucional do executivo provincial para respectar a autonomía dos gobernos municipais á hora de decidir os proxectos a desenvolver. “A autonomía dos concellos acada unha nova dimensión ao dotar a Deputación das ferramentas necesarias a través deste plan, que permite facer realidade esa obra tan necesaria e que tantos anos levaba agardando a súa oportunidade nun caixón”, afirmou López.

Entre os proxectos beneficiarios das subvencións deste Plan Extra está o da reforma da piscina municipal presentado polo Concello da Guarda cun orzamento de 2,3 millóns de euros que recibe unha subvención por parte do organismo provincial de 700.000€. O presidente enumerou as obras postas en marcha nestas comarcas citando o proxecto de reforma interior e mellora da eficiencia enerxética da antiga casa consistorial proposto polo Concello de Nigrán ao que a Deputación achega 650.000 euros dos preto de 900.000€ do orzamento. En Oia, aporta 500.000€ para a rexeneración do camping de Pedra Rubia, valorada en 1,5M€.

“Os concellos achegan ideas e nós, recursos”, di Luis López

Os concellos completan cada un dos orzamentos con fondos propios ou con subvencións doutras administracións porque “premiamos a capacidade dos gobernos locais para conseguir recursos doutras administración, sen ningún tipo de cláusula que os penalicen”, puntualizou López. Noutros casos a Deputación achega o 100% dos investimentos. “A posibilidade de combinar os fondos dos plans +Provincia é do Plan Extra é unha mostra desa flexibilidade e autonomía que propoñemos desde a Deputación e á que recorreron moitos rexedores para financiar as súas obras”, puntualizou Luis López antes entrar ao detalle dos proxectos impulsados a través deste mecanismo. En Baiona, a combinación dos recursos destes dous plans permiten unha inxección de 1,4M€ millóns de euros para financiar a totalidade do custo da reurbanización da contorna de Santa Liberata. En Gondomar, a Deputación financia os 1,2M€ do orzamento da humanización da contorna da Igrexa e do Cemiterio de Donas. No Rosal, a rehabilitación enerxética e reforma interior do auditorio municipal é financiada ao 100 % polo ente provincial cun desembolso de 900.000€. O mesmo ocorre en Tomiño, co financiamento dos 1,2M€ que custa implantar un novo modelo de recollida de residuos. E, finalmente, en Tui o proxecto para a reforma da Rúa Coruña recibe un total de 1M€ destes dous plans para financiar o 100% da obra.

A primeira convocatoria do Plan Extra da Deputación serviu para mobilizar un total de 10,37M€ millóns de euros nos oito concellos do Baixo Miño e do Val Miñor, dos que o organismo provincial achega 7,5 millóns. Un revulsivo que terá continuidade o vindeiro ano, porque a segunda convocatoria do Plan Extra vén de pechar recentemente o prazo de presentación de solicitudes. “Unha nova demostración da cantidade de proxectos ambiciosos e creativos que os concellos teñen preparados para executar en canto teñen a oportunidade”, dixo López, quen adiantou que no caso destes concellos inclúen un conxunto de seis propostas que suman un investimento total de 7,4M€ que se atopan xa en fase de valoración.

“Escoller A Guarda para organizar este encontro é moi pertinente”, declarou o presidente dun concello que é un dos emblemas do modelo turístico, sustentable e ligado ao territorio, que persegue o goberno provincial e que será tamén un dos beneficiarios do esforzo investidor previsto pola Deputación para o vindeiro, que repartirá 128 millóns nos concellos pequenos e medianos a través dos plans de cooperación.

Contenido patrocinado

stats