A alianza entre Tui e Salvaterra permitirá investir 7 millóns

baixo miño

A cooperación entre dous concellos permitiu captar fondos europeos para proxectos que teñen no río Miño o fío condutor para o seu desenvolvemento

Publicado: 19 oct 2025 - 03:31 Actualizado: 19 oct 2025 - 03:44

A alcaldesa de Salvaterra, Marta Valcárcel, e o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro.
A alcaldesa de Salvaterra, Marta Valcárcel, e o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro.

A alianza entre os concellos de Tui e de Salvaterra de Miño vai permitir o investimento de 7 millóns de euros nestes dous municipios en proxectos que teñen no río Miño o fío condutor. A Área Funcional conformada por este dous municipios é beneficiaria de 4,3 millóns de euros de fondos europeos EDIL.

A alcaldesa de Salvaterra de Miño, Marta Valcárcel, e o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, coinciden en sinalar a importancia desta colaboración entre institucións para lograr novos fondos que permitan seguir mellorando estes municipios. Os dous recoñecen que os concellos pequenos cada vez teñen unha capacidade económica máis limitada, e a posibilidade e aumentar recursos vén dada pola posibilidade de captar recursos, fundamentalmente nestes momentos de Europa.

Marta Valcárcel sinala que “esta é unha noticia moi boa e moi ilusionante”, engadindo que “temos que pór en valor o importante para nós desta subvención, pero sobre todo creo que a colaboración entre institucións”. No mesmo senso o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, sinala que hai que pór en valor que á primeira vez que Tui e Salvaterra poden acudir á convocatoria destes fondos ao conformar unha Área Funcional. Engade o rexedor tudense que “se marca un fito no ámbito da cooperación e da xestión, e somos un exemplo".

O río Miño é o fío condutor das actuacións previstas. Así en Salvaterra un dos obxectivos será a recuperación da senda fluvial que une o municipio con Tui á beira do Miño, e que leva varios anos pechada ao quedar inoperativa tras as crecida do río. Salvaterra amais destinará aos fondos a unha importante infraestrutura no ámbito cultural como será a construción dun auditorio, para iso levan xa meses traballando nun plan especial para que poida ser unha realidade, segundo avanzaba Marta Valcárcel.

En Tui estes fondos europeos destinaranse a proxectos vinculados á mellora do espazo público nas parroquias vinculadas a esta área xeográfica ribeireña, segundo explica Enrique Cabaleiro, para recuperar espazos públicos cun alto valor patrimonial, como pode ser o caso de Caldelas, Baldráns e Paramos, e a adecuación de áreas verdes na parroquia de Areas.

Contenido patrocinado

stats