Os 800 anos da Catedral de Tui xa teñen unha imaxe

Na composición que se estrea este domingo destacan catro elementos arquitectónicos esenciais

A imaxe dos 800 anos da Catedral de Tui.
A imaxe dos 800 anos da Catedral de Tui.

O Concello de Tui presentou a nova identidade conmemorativa para o VIII Centenario da Consagración da Catedral de Tui, que como xa se coñece contará con actos programados desde o 30 de novembro deste ano ata novembro de 2026. Será este domingo 30 cando botarán a andar cun acto solemne relixioso e cultural no templo tudense.

A imaxe, deseñada por Anónimo Advertising, toma como punto de partida á propia Catedral de Tui, símbolo de identidade da cidade e un dos principais referentes do patrimonio galego. Plasmouse cunha estética simple e minimalista, sen renunciar ao respecto pola historia e á esencia do monumento, o que garante que sexa recoñecible.

Na composición destacan catro elementos arquitectónicos esenciais: o carácter amurallado do conxunto, as torres laterais, o pórtico co seu característico arco oxival e a cruz superior, como emblema espiritual. O resultado é unha identidade visual versátil, funcional e contemporánea, pensada para adaptarse a todo tipo de formatos.

Con esta proposta gráfica, apóstase por unha linguaxe visual que conecta co presente sen esquecer o pasado, e que pon en valor os 800 anos de historia dun dos grandes monumentos galegos. O comité de honra das celebracións será presidido polos Reis de España, Don Felipe VI e Dona Letizia, xunto ao presidente da República Portuguesa, Marcelo Rebelo de Sousa, un feito que subliña a importancia histórica e cultural deste acontecemento a nivel nacional e internacional. Esta nova identidade acompañará á Catedral de Tui ó longo do ano, contribuíndo a difundir a súa historia e patrimonio entre veciñanza, visitantes e toda persoa que valore a arte e a cultura.

Contenido patrocinado

stats