Fogo cruzado nas Vegas
Dentro do Imperio
Hai un mes atracaron o casino Bellagio nas Vegas e eu estaba alí. As Vegas é un sitio decadente. Excesivo tirando a grotesco. Non hai xente con smóking xogando ao poker. Por contra está cheo de tipos en sandalias con calcetíns, despedidas de solteiro e de solteira, e o máis abraiante, familias con cativos que van pasar aí as vacacións. Nunha palabra, nas Vegas xa non está Frank Sinatra. Por non estar non está nin o seu casino, The Sands.
The Sands contaba entre os seus destacados accionistas con dous xefes do crime organizado: Meyer Lansky e Frank Costello. Estes atraeron a Sinatra para que actuara na Copa Room e así comezou todo. Con Frank chegaron Dean Martin, Sammy Davis Jr., Peter Lawfor (actor e cuñado de JFK) e Joey Bishop que formaron o núcleo duro do Rat Pack e que pasaría a historia como un dos grupos máis canallas, talentosos e divertidos que se xuntaron sobre un escenario. Pero o Rat Pack non foi só cousa de homes. Aí estaban Shirley MacLaine, Lauren Bacall, Angie Dickinson, Marilyn Monroe ou Judy Garland… mulleres extraordinarias para equilibrar a balanza de talento e festa.
Non todo foi champaña e puros nas Vegas. Sinatra e Davis cambiaron a historia dos casinos en canto a dereitos civís. Conta na súa biografía Davis que mentres era recibido con aplausos nos teatros onde actuaba, no hotel onde estaba o teatro non lle deixaban hospedarse porque era negro, e que en moitas ocasións tiña que entrar no casino onde ía actuar a través da cociña.
En 1954 Davis tivo un accidente de coche que case lle custa a vida. Recuperouse en casa de Sinatra e en 1960 uniuse a Frank no The Sands. Todo ben pero faltaba un detalle, Davis non podía aloxarse no casino, era negro. Sinatra ameazou con disolver o grupo se non se acomodaba a Davis como a calquera outro artista. O casino cedeu, e a partir de aí cambiou a política racial primeiro de The Sands, logo das Vegas e a mediados desa década de todo o país.
En 1961 rodaron nas Vegas "Ocean´s 11", a orixinal. Logo viría a versión de Clooney, Pitt, Roberts e compañía pero os orixinais foron eles, o que significa que o Rat Pack e os seus amigos foron os primeiros en atracar, ainda que na ficción, o Bellagio. O último atraco -pero este real- foi o pasado 25 de abril e eu estaba aí nese momento. Realmente atracaron a tenda de Rolex que está dentro do Bellagio. O hotel e o casino foron desaloxados ás carreiras, todo con moita orde en todo caso, pero o curioso foi ver a reacción da xente. A psicose está instalada en boa parte da poboación deste país. Non houbo nin un tiro pero eu falei con xente que xuraba que os escoitara nitidamente. E dentro desa imaxinación chega Twitter. Xa fóra do hotel busco información nesta rede nas alertas das fontes policiais, do propio hotel etc. O primeiro que se publica é que hai un tirador solto no Bellagio. Cousa que era absolutamente falsa. O seguinte, unha persoa que publica unha foto dun latino asegurando que este era o tirador e que estaba ao seu lado na mesa de xogo. Falso. De feito eran tres atracadores coa cara tapada e a lo menos un levaba a máscara dun porco. Pero a realidade era igual xa para o imaxinario colectivo. Recapitulemos: xa temos un tirador solto e a un latino acusado nas redes. Todo mentira. A medida que vía isto publicado, eu ía sabendo xa de primeira man o que pasaba. Á media hora estaba toda a entrada despexada e desde logo non había escenas de pánico por ningures.
A cuadratura do círculo chegou cando vexo o tweet dun coñecido xornalista en España que dicía: "Y ahora un tirador en el Bellagio, empezamos bien". Era mentira tamén, pero nin se molestou en buscar un pouco máis, nese momento xa había xornais que publicaran correctamente a noticia. Así que pasamos dun atraco a unha tenda de Rolex a un tirador latino sementando o terror nas Vegas. Que o falso acusado fora latino non é unha casualidade nin un tema menor, é un sintoma de como callan as noticias falsas. O odio ao latino, a México, está cada vez máis presente, alimentado desde a Administración e retroalimentado polas redes. O que pasa nas Vegas xa non queda nas Vegas, as novas balas están escritas en 140 caracteres e hai que aprender a esquivalas. Longa vida ao Rat Pack, canalla pero auténtico.
Contenido patrocinado
También te puede interesar