O Son do Pazo de Mos para rematar agosto e o verán

De Ninghures, Comando Curuxás e Faltriqueira encabezan o cartel da XI edición do festival O Son do Pazo

A presentación do Son do Pazo, que será os vindeiros días 29 e 30 deste mes.
A presentación do Son do Pazo, que será os vindeiros días 29 e 30 deste mes. | Atlántico

O Pazo de Mos acolleu a presentación oficial da XI edición do festival O Son do Pazo, que volverá converter Mos nun dos grandes puntos de encontro da música e da cultura tradicional galega os vindeiros días 29 e 30 de agosto. Organizado polo Círculo Cultural e Deportivo Santa Eulalia de Mos, o evento volverá ofrecer un programa de acceso libre e gratuíto no que se combinan concertos, actividades participativas, propostas familiares e iniciativas de posta en valor do patrimonio inmaterial galego.

A programación arrancará este sábado pola tarde coa cuarta edición das Olimpíadas Rurais, unha actividade que xa se consolidou como un dos momentos máis participativos do festival e que volverá poñer en valor os xogos e tradicións populares nun ambiente lúdico e interxeracional. A continuación, o pasarrúas correrá a cargo da agrupación Nosa Terra de Pereiras, que conducirá o público ata o escenario principal, onde a música será a gran protagonista da xornada. A banda de gaitas Airiños do Castelo, pertencente ao Círculo Cultural e Deportivo Santa Eulalia de Mos, exercerá de anfitrioa nunha noite que contará tamén coa actuación de Ikusgarri Dantza Taldea, formación de música e danza tradicional chegada desde Portugalete (Biscaia). O cartel completarase coas actuacións de Comando Curuxás, Faltriqueira e De Ninghures, unha das formacións de maior proxección da escena folk galega actual e cabeza de cartel desta edición.

A segunda xornada do festival comeza co espectáculo infantil de Brais das Hortas en horario de sesión vermú, que continuará cun obradoiro de baile tradicional impartido por Adrián Méndez, integrante de De Ninghures. Tres Pesos encargaranse de poñer o peche musical.

Contenido patrocinado

stats