A Xunta mobiliza máis de 9 millóns para mellorar a rede hídrica galega
As axudas en marcha suman preto de 2 millóns, nun programa global con novas convocatorias para obras e eficiencia
Augas de Galicia ten actualmente en marcha catro liñas de subvencións cun investimento próximo aos 2 millóns de euros, no marco dun programa máis amplo co que a Xunta prevé mobilizar máis de 9,2 millóns de euros en axudas destinadas a mellorar os sistemas de abastecemento, saneamento e a protección dos ríos.
Estas convocatorias xa abertas constitúen a base dunha estratexia progresiva que combina actuacións inmediatas con novas liñas centradas na execución de obras hidráulicas e na mellora estrutural das redes municipais.
Axudas en marcha
As liñas actualmente en prazo permiten tanto a execución de melloras concretas como a análise técnica das infraestruturas, un paso clave dentro da estratexia de profesionalización da xestión da auga impulsada pola Xunta.
Así, a comezos desta semana remataba o prazo para solicitar as subvencións destinadas ás comunidades de usuarios de abastecemento, cun orzamento de 500.000 euros, orientadas á mellora de instalacións de captación, potabilización, almacenamento e control de caudais.
Porén, no ámbito do saneamento rural, continúa aberta ata o 23 de marzo a liña para a renovación ou instalación de sistemas de depuración autónomos en concellos para vivendas illadas ou para pequenos núcleos de poboación, dotada con máis de 770.000 euros, unha solución especialmente relevante en núcleos dispersos.
Xunto a estas actuacións, os concellos poden acceder ata o 31 de xullo ás axudas para auditorías de abastecemento (200.000 euros), destinadas a identificar perdas de auga e planificar actuacións correctoras. Ademais, está aberto ata o 7 de setembro o prazo das subvencións para auditorías das redes de saneamento, cun orzamento de 500.000 euros, que permitirán detectar infiltracións e deficiencias estruturais.
Estas catro liñas suman arredor de 2 millóns de euros e continúan a senda iniciada nos últimos anos, nos que Augas de Galicia ten apostado pola diagnose das redes municipais como paso previo á execución de melloras, apoiando economicamente estudos e planificacións que permitan optimizar o funcionamento dos sistemas.
Novas convocatorias
A maior parte do investimento previsto concentrarase nas convocatorias pendentes, que superan os 7 millóns de euros e estarán centradas en actuacións directas sobre as infraestruturas.
Neste sentido, destacan dúas liñas dirixidas a concellos con preto de 3,5 millóns de euros cada unha; unha para financiar obras que minimicen as perdas de auga nos sistemas de abastecemento e outra para reducir as infiltracións nas redes de saneamento. Estas actuacións responden aos retos do cambio climático e permitirán aumentar a eficiencia e a resiliencia dos sistemas hidráulicos.
Ademais, convocaranse axudas para a renovación de sistemas de depuración autónomos a nivel particular (200.000 euros) e subvencións para actividades de educación ambiental vinculadas á conservación dos ríos (200.000 euros), reforzando así tanto a dimensión técnica como a social da xestión da auga.
Sistemas máis eficientes
En conxunto, Augas de Galicia combina na actualidade liñas de axuda xa operativas con novas convocatorias e investimentos estruturais, configurando unha estratexia integral que abrangue desde a diagnose ata a execución de obras e a sensibilización cidadá.
O obxectivo é avanzar cara a sistemas de abastecemento e saneamento máis eficientes, sostibles e adaptados á realidade territorial de Galicia, caracterizada pola dispersión poboacional e a complexidade das súas redes hidráulicas, ao tempo que se reforza a protección dos ecosistemas fluviais e a preparación fronte a fenómenos extremos.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último