A Xunta mobiliza máis de 50 millóns de euros para a eficiencia enerxética

IMPULSO DA SOSTENIBILIDADE

Galicia conta este ano cun paquete de axudas para o sector primario, empresas, entidades locais e vivendas

As axudas enerxéticas da Xunta supoñen un impulso decisivo para reducir a factura enerxética dos cidadáns.
As axudas enerxéticas da Xunta supoñen un impulso decisivo para reducir a factura enerxética dos cidadáns. | Xunta de Galicia

O compromiso da Xunta de Galicia coa transición enerxética, o aforro e a sustentabilidade mantense firme en todo o territorio autonómico. Para acadar este obxectivo prioritario, o Goberno galego puxo en marcha este ano un amplo paquete de axudas públicas xestionado a través do Instituto Enerxético de Galicia.

Deste xeito, a Consellería de Economía e Industria destinou un orzamento global de 17,5 millóns de euros. Esta contía repartiu recursos en catro liñas de apoio, deseñadas para cubrir as necesidades específicas de diferentes sectores clave.

A meta principal desta inversión pública foi transformar o modelo de consumo tradicional cara a un esquema máis eficiente e limpo. Neste sentido, a iniciativa procurou incentivar a redución dos custos enerxéticos e a mellora do rendemento tanto nos fogares particulares como no tecido empresarial, nas administracións locais e nas entidades sen ánimo de lucro.

Ademais, a Xunta estimou que estes fondos públicos permitirán mobilizar preto de 52 millóns de euros en investimentos totais inducidos. Por esta razón, a medida suporá un impulso directo para a dinamización económica, o desenvolvemento do medio rural e a redución do impacto ambiental na comunidade.

Do mesmo xeito, este conxunto de incentivos cofinanciados con fondos europeos como o Feder e o Feader representa un impulso decisivo para reducir a factura enerxética da cidadanía e mellorar a competitividade do tecido produtivo. Por unha banda, a estratexia permitirá diminuír a dependencia dos combustibles fósiles e avanzar cara aos obxectivos de descarbonización. Pola outra, senta as bases para un cambio cultural necesario cara á sustentabilidade e a protección do contorno natural.

Aínda que os prazos para presentar as solicitudes xa están pechados na totalidade das convocatorias, o impacto económico, social e ambiental destas accións seguirá medrando e dando froitos ao longo dos vindeiros meses.

Apoio ao sector primario

En primeiro lugar, a Administración galega reservou unha partida orzamentaria de máis 1.300.000 euros para o ámbito agrícola primario a través da cal as empresas e os profesionais autónomos do campo puideron mellorar a eficiencia do seu consumo e apostar pola implantación de tecnoloxías renovables. Nestes casos, os apoios económicos acadaron os 100.000 euros por iniciativa individual e os 300.000 por empresa.

Esta cifra elevouse ata os 500 mil euros nas propostas orientadas á instalación de sistemas de autoconsumo colectivo. Con este orzamento, o Goberno galego prevía xerar unha mobilización de recursos no sector primario de 4,6 millóns de euros.

Por outra banda, a partida máis voluminosa do programa contou cun orzamento global de 7,5 millóns de euros, unha liña orientada de xeito apoiar proxectos de aforro e eficiencia enerxética impulsadas por empresas e autónomos, así como ás empresas de servizos enerxéticos (ESE) que xestionen instalacións consumidoras de enerxía con programas de aforro enerxético.

Con este obxectivo, o programa centrouse en apoiar actuacións de envergadura con investimentos superiores aos 15.000 euros. Ademais, a convocatoria tivo en conta as necesidades das industrias de transformación e comercialización de produtos da pesca e da acuicultura, que puideron optar a axudas de ata 200.000 euros, cun tope máximo de 2 millóns por entidade beneficiaria. Coa posta en marcha deste bloque de axudas, a Consellería calculou un investimento inducido de 30 millóns de euros.

Placas para a producción de enerxía solar.
Placas para a producción de enerxía solar. | Xunta de Galicia

Impulso á enerxía solar e ás tecnoloxías térmicas na vivenda

Outra das liñas de axudas centrouse na xeración de electricidade mediante enerxía solar fotovoltaica, que tivo un papel protagonista nas convocatorias deste ano. A Xunta de Galicia destinou 6,5 millóns de euros a axudar a entidades locais, empresas e organizacións sen ánimo de lucro na instalación de paneis solares. Como resultado, esta medida podería favorecer a mobilización de máis de 13 millóns de euros en proxectos locais, cun máximo de 150.000 euros por empresa beneficiaria. De igual xeito, esta acción veu complementar de forma directa os programas previos que xa se dirixiran de xeito específico ao sector residencial en etapas anteriores.

En último lugar, o sector residencial galego contou cunha liña dotada con 2,1 millóns de euros destinada á instalación de sistemas térmicos renovables. Por este motivo, tanto os propietarios individuais como as comunidades e mancomunidades de veciños puideron solicitar financiamento para a adquisición e montaxe de equipos de biomasa, xeotermia, hidrotermia, aerotermia e enerxía solar térmica. Grazas a esta medida, os fogares e edificios residenciais situados en territorio galego poderán acceder a axudas de ata o 50% do custo total do investimento, prevendo mobilizar máis de 4 millóns de euros.

Contenido patrocinado

stats