Consello da Xunta
A Xunta eleva a aposta pola innovación até os 400 millóns
Consello da Xunta
O Consello acorda iniciar os trámites para a posta en marcha da primeira Estratexia de Innovación Empresarial de Galicia 2026-2028 coa que se prevén mobilizar máis de 400 millóns de euros. O obxectivo é dotar de maior competitividade ao tecido produtivo e situar a innovación no centro do desenvolvemento económico da comunidade, afirmou a Xunta nun comunicado tras a reunión.
O presidente Alfonso Rueda enmarcou a iniciativa na necesidade de que a innovación deixe de ser unha práctica puntual para converterse nun elemento estrutural do día a día das empresas galegas. “Se queremos un tecido produtivo moderno e competitivo, a innovación ten que formar parte indisoluble do seu funcionamento”, subliñou.
Segundo explicou Rueda, a previsión é aprobar a estratexia no primeiro semestre de 2026. Antes dese prazo, a Consellería de Economía e Industria abrirá un proceso de diálogo cos axentes sociais e coas entidades do sector para recoller achegas e perfilar unha folla de ruta consensuada. Mobilizará máis de 400 millóns de euros de fondos propios, o que supón un incremento próximo ao 60% respecto ao escenario anterior. Este investimento destinarase á atracción de talento e proxectos tractores, á creación de espazos de experimentación e ao impulso da alta tecnoloxía, incluída a intelixencia artificial.
A Xunta fixa como metas incrementar nun 25 % o número de empresas innovadoras -actualmente máis de 1.750- e elevar o gasto privado en innovación ata os 1.500 millóns de euros, reforzando así a competitividade e o emprego de calidade en Galicia.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, manifestou que os balances negativos do 2025 realizados pola oposición son “un pouco repetitivos”. A preguntas dos medios en rolda de prensa tras o Consello da Xunta, Rueda dixo que desde o Goberno galego están “a consolidar un ecosistema de innovación” que, ao seu xuízo, pode dar “moitas alegrías nos próximos anos”. “Para iso -engadiu- hai que seguir garantindo a estabilidade institucional, e seguir mantendo un clima social e laboral no que se poida seguir conseguindo moitas cousas”.
A Xunta fará efectiva a comezos do vindeiro ano a maior convocatoria da historia da intervención Leader para impulsar o desenvolvemento rural en Galicia, cun orzamento de 28,7 millóns de euros para distribuír no período 2026-2028. “Esta repartición en tres anualidades permitiralles aos xestores dos proxectos desenvolver a súa idea con maior marxe de tempo”, explica o Goberno galego. Estes fondos forman parte do orzamento da intervención Leader no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027.
O Executivo galego aprobou o decreto de traspaso á Comunidade Autónoma de Galicia dos servizos e medios persoais e materiais da atención sanitaria prestada polas 13 unidades asistenciais de atención á drogodependencia (UAD) de titularidade municipal que, a partir do 1 de xaneiro de 2026, quedan integrados no Servizo Galego de Saúde. Trátase das unidades dos concellos de Burela, Cangas, Carballo, Monforte, Noia, O Grove, O Porriño, Ourense, Pontevedra, Ribeira, Santiago, Vigo e Vilagarcía de Arousa.
Contenido patrocinado
También te puede interesar