A Xunta duplica os recursos para a xestión das faixas secundarias
PREVENCIÓN
Reforza o apoio aos concellos e propietarios cun orzamento anual de 25 millóns de euros ata o ano 2029
O sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias é unha iniciativa posta en marcha pola Consellería do Medio Rural en colaboración coa empresa pública Seaga, co obxectivo de prestar apoio a propietarios e administracións locais para que poidan cumprir dun xeito máis sinxelo coas súas obrigas. O convenio asinouse por primeira vez no ano 2018 e contou tamén co apoio da Fegamp, que formou parte do acordo ata o ano 2025. O actual convenio, con vixencia ata 2029 e un orzamento anual de 25 millóns de euros (o dobre que no anterior), asinouse o 15 de decembro de 2025 e publicouse en DOG o 29 dese mes. Ademais de contar cun maior orzamento, inclúe importantes reforzos e apoio para administracións locais e propietarios.
Que é unha faixa secundaria?
As faixas secundarias son un anel de terreo de 50 metros que rodea aos núcleos de poboación; é dicir, as parcelas que se atopan máis próximas ás vivendas. Estas faixas posúen unha función prioritaria de protección, xa que actúan como un cinto de seguridade que protexe ás casas e ás contornas habitadas ao frear o avance das lapas no caso de que se produza un incendio forestal e, ao mesmo tempo, unha boa xestión facilita o traballo dos medios de extinción en caso de lume.
Quen debe limpalas?
Os propietarios das parcelas situadas en faixas secundarias son os encargados de mantelas limpas e en boas condicións. Así se recolle na Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais. Deste xeito, os particulares son, en primeira instancia, os responsables de xestionar a biomasa nestas zonas e, se estes non cumpren coa súa obriga, son os concellos quen deberán asumir esta tarefa de xeito subsidiario.
O prazo máximo para ter limpas estas parcelas é o 31 de maio de cada ano. É a partir desta data cando comezan as inspeccións das parcelas. Estas revisións derivan en notificacións para aqueles propietarios que non limparan as súas parcelas e, de ser o caso, en execucións subsidiarias e en multas (varían en función do tipo de sanción -leve, grave e moi grave-, cun mínimo de 100 euros e un máximo de 1.000.000 de euros)
Que apoio ofrece a Xunta?
Levar a cabo a xestión da biomasa nas faixas secundarias pode chegar a ser complicado. Por iso, a Consellería do Medio Rural ofrece apoios, tanto a propietarios como a concellos, para cumprir con estas obrigas e traballar de xeito conxunto na prevención de incendios forestais. Este apoio faise efectivo a través do convenio de xestión da biomasa nas faixas secundarias que a Consellería puxo en marcha en colaboración coa empresa pública Seaga. O actual acordo, asinado en decembro do ano pasado, ten vixencia ata o 2029 e conta cun orzamento anual de 25 millóns de euros, o dobre que o anterior, e inclúe importantes novidades.
Como presta apoio a Xunta?
En primeiro lugar, os concellos deben adherirse ao convenio e despois solicitar intervencións. Dentro das actuacións que se contemplan están:
- Colaboración na realización de inspeccións e na preparación das notificacións.
- Colaboración na elaboración técnica do anuncio para ser publicado no DOG e no BOE de ser o caso, dos documentos base para iniciar o proceso de execución subsidiaria ou para o envío ao órgano competente.
- Realización de execucións subsidiarias en ata 10 hectáreas por concello e ano, fóra das parroquias priorizadas, e a limpeza de 12 quilómetros de vías municipais.
- Contratación dos particulares, directamente con Seaga, de limpezas en faixas secundarias situadas en parroquias priorizadas, por un prezo de 420 euros por hectárea.
- Subministro de especies que axuden a construír unha franxa natural de protección e fagan innecesarias sucesivas limpas.
- Nos concellos de menos de 10.000 habitantes, o convenio establece tamén un reforzo de apoios.
- Axilización dos trámites en caso de zonas prioritarias en risco de incendio, unha cuestión posible tras os cambios normativos dos Orzamentos de 2026.
Que é unha parroquia priorizada?
Considéranse parroquias priorizadas aquelas nas que existe unha maior posibilidade de afectación ou risco de incendios para os núcleos de poboación e nas que é preciso facer un maior esforzo de cooperación no cumprimento das súas obrigas legais. Estas parroquias escóllense en base a unha serie de criterios técnicos que definen o risco de incendio. É nestas zonas na que os propietarios das parcelas poden contratar directamente con Seaga para que limpe as súas parcelas a un prezo moi competitivo. Actualmente hai un total de 276 parroquias priorizadas (119 máis con respecto ao ano pasado): 27 na Coruña; 27 en Lugo; 168 en Ourense e 54 en Pontevedra.
É para a todos os concellos?
Non, estes servizos ofrécense unicamente aos concellos que, por iniciativa propia, decidan formar parte do convenio. Unha vez adheridos, deben solicitar as actuacións que queren que se leven a cabo nos seus municipios, para que Seaga saiba onde traballar, identifique as necesidades concretas de cada localidade e establecer un plan anual. Actualmente hai un total de 299 concellos adheridos a este convenio, dos cales 275 teñen xa o plan aprobado.
Tendo en conta que este acordo foi asinado en decembro do ano 2025, a Consellería estableceu como prazo idóneo para formalizar as adhesións o 21 de marzo, data na que a maior parte dos concellos actualmente adheridos, case o 94%, xa manifestaran a súa vontade de formar parte desta iniciativa.
A maiores, fixouse ata o 31 de marzo para que os concellos enviaran a planificación e solicitaran actuacións ao abeiro do convenio, pero só un 30% pediu o apoio de Seaga. A comezos de xuño, tan só o 50% dos concellos pediron a realización destes traballos. Cando isto acontece, a Xunta non pode levalos a cabo nestas zonas.
As localidades que si que os solicitaron fixérono na maioría para vías de titularidade municipal (56%), que non son faixas secundarias; para execucións subsidiarias (o 26%); para inspeccións (27%) e seis municipios solicitaron exemplares de árbores compatibles coas faixas secundarias.
Están a levarse a cabo os traballos no marco do convenio?
A comezos de xuño, a Xunta, a través do convenio de colaboración entre a Consellería do Medio Rural e Seaga, realizara xa actuacións preventivas en algo máis de 2.600 parcelas de 70 parroquias priorizadas de toda Galicia, esas que os propietarios poden contratar directamente con Seaga. A maiores, actuouse en preto de 200 quilómetros de vías municipais e os traballos continúan.
Cabe sinalar que as inspeccións correspondentes a este 2026 acaban de comezar, tendo en conta que os titulares das fincas en faixas tiveron ata o 31 de maio para levar a cabo a limpeza dos seus predios. Por tanto, é a partir desta data cando Seaga pode colaborar na inspección, como xa se está facendo, e posterior execución subsidiaria de ser o caso, sempre que os concellos o soliciten dentro das facilidades que se ofrecen neste convenio.
Desde o 2021, e no marco deste convenio, a Consellería do Medio Rural realizou as seguintes actuacións:
- Máis de 2,5 millóns de parcelas inspeccionadas desde 2021.
- Máis de 1 millón de notificacións e publicacións enviadas aos concellos. Deste dato extráese que o 60% dos propietarios xa cumpren previamente coas súas obrigas.
- Máis de 6.500 parcelas onde se levou a cabo a execución subsidiaria e máis de 2.100 quilómetros de limpeza de vías.
- Os propietarios contrataron rozas con Seaga en arredor de 27.300 parcelas de parroquias priorizadas a un prezo reducido.
Contenido patrocinado
También te puede interesar