A Xunta desenvolverá ata 2029 a súa estratexia de estradas intelixentes
Construcción
Eficiencia na toma de decisións sobre a rede viaria
Galicia avanza a paso firme. A Xunta está a desenvolver a Estratexia de Dixitalización e Innovación da rede viaria autonómica, que permitirá contar cun “xemelgo dixital” para mellorar a planificación e a xestión das estradas de xeito máis eficiente. O Goberno galego leva investidos neste amplo proxecto 8,5 millóns de euros, cofinanciados con fondos europeos, e prevé mobilizar 20 millóns de euros ata o 2029 para desenvolver a citada estratexia, cos obxectivos de ampliar e unificar a información vinculada coa rede viaria.
Os obxectivos desta iniciativa son ampliar, centralizar e unificar toda a información vinculada coa xestión da rede viaria autonómica. Isto posibilitará organizar de forma eficiente os recursos tecnolóxicos e humanos implicados neste ámbito.
O proxecto trae consigo un dobre beneficio. Por unha banda, a cidadanía disporá dun sistema máis accesible e transparente, aforrando custos e tempos nas tramitacións que precisen efectuar no eido das estradas.
E, por outra, a Xunta, que está a dixitalizar o mapa de estradas, aumentará a eficiencia na toma de decisións sobre a rede viaria, anticipando problemas e achegando solucións máis rápidas. Cabe precisar que na actualidade xa está practicamente rematada a cartografía dixital das estradas e todos os elementos que as definen.
Referente de innovación
Galicia está a ser un referente en contar con este “xemelgo dixital” que vai permitir, ademais, desenvolver dun modo máis eficaz as encomendas da Axencia Galega de Infraestruturas, aproveitando tanto a información xa existente, totalmente dixitalizada, como a que se incorporará a través dos vehículos conectados.
Para avanzar na estratexia, a Xunta está a desenvolver contratos fundamentais. Entre os contratos derivados desta estratexia, hai que citar a dixitalización de estudos e proxectos do arquivo da Axencia Galega de Infraestruturas, que permitirá dixitalizar 3.705.864 páxinas.
Outro destes contratos está destinado á utilización dos datos procedentes de vehículos conectados, e permitirá obter datos de alta precisión, como por exemplo información da adherencia do pavimento, a visibilidade das marcas viarias ou as velocidades e aceleracións.
Finalmente, un terceiro contrato aborda a xestión do modelo de transporte da rede viaria autonómica, centrado na obtención de datos de telefonía relativos á mobilidade ou á xeración de matrices de viaxes. Estes estudos de tráfico serán de aplicación en proxectos de novas estradas ou reformas das existentes.
Plan de sendas: 120 novos quilómetros ata 2027
A Xunta está a desenvolver a segunda fase do Plan de Sendas de Galicia, para seguir ampliando a rede de itinerarios peonís e ciclistas ao longo das estradas autonómicas. Desde a posta en marcha desta iniciativa acadáronse 300 km destes itinerarios, cun investimento de preto de 144 millóns de euros e o plan foi distinguido nos premios europeos á excelencia na seguridade viaria 2024, impulsados pola European Road Safety Charter (ERSC), unha comunidade de máis de 4.000 entidades e persoas que promove a Comisión Europea para mellorar a seguridade viaria en toda a UE.
Están en execución actuacións de grande relevancia, como poden ser as correspondentes aos eixos metropolitanos de Santiago e Ourense, así como os itinerarios entre Mollavao e Os Praceres, en Pontevedra e o que se executa na PO-323 en Teis (Vigo).
Agora, a nova fase aprobada polo Goberno autonómico prevé a execución doutros 120km de sendas ata o ano 2027, cun investimento de preto de 69,7 millóns de euros. Trátase dunha iniciativa no marco da Estratexia Galega de Mobilidade, aprobada en maio deste ano polo Executivo autonómico, que prevé como un dos seus eixos de actuación o fomento da mobilidade sostible a activa mediante a construción de sendas peonís e ciclistas.
Na provincia da Coruña están planificados novos itinerarios entre Arteixo e Lañas; entre Oleiros e Cambre, en Cambre e Culleredo ou en Boqueixón. No caso da provincia de Lugo, prevense, entre outros, novos itinerarios en Ombreiro (Lugo), en Guitiriz, en Parga, en Monforte de Lemos ou en Sarria.
Ademais, en Ourense destacan as sendas previstas na capital da provincia, en Reza, e na zona do Cumial. E, en canto a provincia de Pontevedra, actuarase no impulso de sendas en Vigo, Nigrán, O Porriño, Pontevedra, Poio, Moaña, Vilaboa, Meaño, Cangas, Bueu, Tomiño, O Rosal, A Guarda e Oia, Tui, Salvaterra, Ponteareas, As Neves, Lalín, Vila de Cruces ou A Estrada.
Na actualidade estase a redactar os distintos proxectos das sendas previstas, que contarán con financiamento FEDER 21/27.
Contenido patrocinado
También te puede interesar