A Xunta denuncia ó Goberno por non informarlle da AP-9

Reclama a documentación remitida á Comisión Europea sobre o ditame das prórrogas da concesión

Alfonso Rueda, na comparecencia ante os medios de onte.
Alfonso Rueda, na comparecencia ante os medios de onte. | Atlántico

O Consello da Xunta autorizou onte a interposición dun recurso contencioso-administrativo co obxectivo de obter a información remitida polo Goberno de España á Comisión Europea en relación co ditame sobre as prórrogas da concesión da AP-9.

A decisión prodúcese despois de que o Executivo autonómico “recibise a resolución denegatoria do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentable respecto do requirimento efectuado pola Xunta o pasado mes de xaneiro para que se facilitase a documentación, tras tres meses sen resposta desde a solicitude formulada para eses efectos”, di o goberno galego.

“A comezos deste mesmo mes de febreiro deuse conta no Consello da Xunta do informe relativo ao citado requirimento formulado ao Goberno estatal para coñecer a resposta remitida polo Ministerio á Comisión Europea en relación co ditame motivado, polo que esta solicitaba a España que se respectasen as normas comunitarias en materia de contratación, referíndose en particular á prórroga da concesión da AP-9”, engade. Nese informe advertíase expresamente de que, de non obter contestación no prazo dun mes, a Xunta emprendería accións xudiciais, decisión que se acordou onte.

Así, a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas solicitara a finais de setembro de 2025 o acceso á información trasladada polo Estado a Bruxelas no marco do citado ditame, segundo informa o goberno galego nun comunicado. Transcorrido o prazo legal sen resposta, e efectuado o requirimento previo á vía xudicial, o Goberno central respondeu a este negativamente.

O Executivo galego, subliña o texto, chama a atención a respecto da enorme transcendencia deste asunto, “tendo en conta que a Comisión Europea advertiu da posibilidade de levar España ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea se non adopta as medidas oportunas”. Por iso, a Xunta “considera imprescindible coñecer con detalle a posición defendida polo Estado nunha cuestión que afecta directamente os intereses de Galicia”.

O Goberno galego insiste en que a solución na AP-9 “pasa polo rescate e a transferencia da xestión da autoestrada”.

A Xunta elaborou os cálculos sobre o custo do rescate en relación coa permanencia da prórroga ata 2048, que plasmou nun estudo en 2024 que estimaba inicialmente a cifra en 2.331 millóns de euros, equiparables ao que suporía atender a política de bonificacións desenvolvida polo Goberno estatal ata esa data. Esta cifra foi actualizada en agosto de 2025, elevándose ata os 2.356 millóns, unha nova estimación en que destaca o incremento en 65 millóns do lucro cesante da concesionaria.

O proxecto de Altri decae sen compensacións e, de empezar de novo, volvería ser desde cero

Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta de onte, Alfonso Rueda ratificou o anuncio do Executivo do venres e precisou que o expediente en tramitación de Altri en Palas de Rei (Lugo) está chamado a decaer “de forma definitiva”, toda vez que se tramitou como proxecto industrial estratéxico e a falta de conexión eléctrica fai “inviable” a súa autorización ambiental integrada e, en consecuencia, que avance.

Á espera do arquivo definitivo por parte da Consellería de Economía, dado que hai un prazo de alegacións, Rueda, que afirma coñecer o contido do memorando asinado no seu día coa promotora do proxecto -que non se fixo público, alega o presidente galego, por ter “carácter de confidencialidade”-, esgrimiu que a Xunta non terá que darlle compensación ningunha á papeleira lusa.

E afirmou que, no caso de que a empresa lograse acreditar que “hai unha nova conexión eléctrica diferente á que se propoñía e que o Goberno central dixo que era imposible”, teríase que “volver empezar” como “novo expediente”.

Preguntado sobre por que a Xunta non agardou a que concluíse a análise das alegacións do plan estatal de conexións eléctricas (que bloqueaba a que necesitaba Altri), Rueda xustificou que a Xunta “tiña que tomar algún tipo de decisión”.

Así, lembrou que foi o propio líder do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, quen “anunciou en nome do Goberno”, que posteriormente o ratificou, que Altri quedaría sen conexión eléctrica, o que ao seu xuízo evidencia “a politización” deste asunto e que non se traballou con “rigor” nin “obxectividade”.

O presidente galego amosouse moi crítico coa actitude dos socialistas e lamentou que, para frear o plan da papeleira en Palas de Rei, se deixase “practicamente a toda a provincia de Lugo” sen conexións.

Rueda alertou do “calado industrial” da decisión estatal e manifestou o seu desexo de que “un futuro Goberno” non reproduza este tipo de “prácticas”.

Contenido patrocinado

stats