A Xunta cre que o plan de Altri é “moi difícil” sen electricidade

Unha nova manifestación tomará as rúas de Santiago de Compostela o próximo 14 de decembro

Representación do proxecto “Gama”, que planea Altri para Palas de Rei (Lugo).
Representación do proxecto “Gama”, que planea Altri para Palas de Rei (Lugo).

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, asegurou onte que a Xunta continúa co expediente do proxecto que Altri pretende instalar na localidade lucense de Palas de Rei, pero recoñeceu que é “moi difícil” asentar unha iniciativa como esta “nun territorio no que non hai conexión eléctrica”.

A preguntas dos medios sobre o estado da Autorización Ambiental Integrada (AAI) deste proxecto, Calvo, que presidiu onte o Consello da Xunta, afirmou que a día de hoxe este “proxecto estratéxico industrial” segue o seu expediente, aínda que apuntou que “non ten sentido o que fixo o Goberno” de excluílo da planificación de rede eléctrica.

E isto, dixo, “non lle corresponde á Xunta”, polo que sinalou que será a multinacional lusa quen “terá que ver que fai” nun contexto “moi difícil”.

“Xa expresamos a sorpresa ante a decisión do Goberno de illar á provincia de Lugo, xa non do proxecto de Altri, senón de calquera proxecto industrial que necesitase unha determinada subministración eléctrica en Lugo. Nese sentido, supoño que os promotores terán algo que dicir”, resolveu.

"Gran manifestación"

A Plataforma Ulloa Viva e a Plataforma pola Defensa da Ría de Arousa (PDRA), así como o resto de asociacións e colectivos que integran a mesa de coordinación nacional contra Altri, anunciaron onte a convocatoria dunha “gran manifestación nacional” o próximo 14 de decembro en Santiago contra o proxecto que Altri quere instalar en Palas de Rei (Lugo).

Así o anunciaron nunha rolda de prensa en Compostela, onde lembraron que esta mobilización coincidirá co aniversario da manifestación celebrada o 15 de decembro de 2024 “e na que máis de 100.000 persoas encheron a Praza do Obradoiro ao berro de “Altri Non”.

O presidente de Ulloa Viva, Juan Pedro Sánchez, e o presidente da PDRA, Xaquín Rubido, chamaron á sociedade galega a “seguir mobilizándose” para reclamar á Xunta que “denegue xa” todo o expediente para autorizar o proxecto de Altri en Palas de Rei (Lugo).

Neste contexto, Rubido defendeu que “foi a mobilización histórica do pobo galego a que fixo que Altri quedase fose do Perte de descabornización e das axudas públicas de 250 millóns de euros que a empresa demandaba”.

Nesta liña, mostrouse convencido de que esta nova mobilización convocada para o 14 de decembro “pode deixar a Altri fora definitivamente da planificación eléctrica, a captación de auga e a autorización ambiental”. “Estamos nun punto de inflexión, de aí a importancia desta mobilización e de facer o 14D unha mobilización histórica”, aseverou Rubido.

Contenido patrocinado

stats