A Xunta baralla ampliar horarios de taperías e mesóns ata a unha da mañá

Axencias

Publicado: 17 may 2021 - 03:06 Actualizado: 18 may 2021 - 04:25

Pulpeira ás portas dunha tapería.
Pulpeira ás portas dunha tapería.

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, explicou que se baralla a posibilidade de equiparar o horario de taperías e mesóns ao dos restaurantes e ampliar o aforamento en locais de hostalaría se a situación epidemiolóxica avanza favorablemente.

Nunha entrevista na Radio Galega, lembrou que o vindeiro mércores se reunirá o comité de expertos que asesora ao Goberno galego e que unha das medidas que se atopan sobre a mesa é "achegar o horario de taperías e mesóns", cuxo peche está establecido ás 23,00 horas, ao dos restaurantes, que poden permanecer abertos até as 1,00 horas.

En todo caso, sinalou que os primeiros locais deberían cumprir determinadas condicións para ampliar o seu horario de apertura, como dispor dun sistema de reservas e un comedor separado e apuntou que se podería ampliar o aforamento dos locais de hostalaría se se pode garantir a circulación de aire, para o que defendeu a instalación de medidores de CO2.

Respecto dos establecementos de lecer nocturno, Rueda destacou que se descoñece a data na que o Goberno avalará a súa reapertura, pero lembrou que en Galicia levará a cabo unha proba piloto o próximo 12 de xuño para que poida reiniciarse a actividade de xeito "inmediato" e "seguro" unha vez que se permita. Así, indicou que as medidas de seguridade expostas para a proba, que inclúen aforamentos reducidos, rexistro de clientes, medidores de CO2 e probas PCR, poderían flexibilizarse ou endurecerse unha vez que se reabran estes locais en función da evolución epidemiolóxica. En canto á partida de 4 millóns de euros anunciada para compensar os meses que o sector permaneceu sen actividade, afirmou que se busca a convocatoria inmediata das axudas para que se poidan pedir desde xuño e empezar a abonarse entre ese mes e o seguinte.

Contenido patrocinado

stats