A Xunta amplía os apoios na volta ao cole con máis de 145 millóns de euros

AXUDAS

Un mapa de medio cento de axudas e bolsas consolida a Galicia como referente do Estado para as familias

En Galicia o acceso ao ensino é gratuíto desde a escola infantil ata a Universidade.
En Galicia o acceso ao ensino é gratuíto desde a escola infantil ata a Universidade. | Xunta de Galicia

A Xunta consolídase como unha das administracións que máis apoia ás familias na volta ao cole, cun mapa de medio cento de axudas e bolsas, que supoñen un investimento anual de máis de 145 millóns de euros. En Galicia o acceso ao ensino é gratuíto desde a escola infantil ata a Universidade, unha medida que cumpre este curso o seu terceiro ano en funcionamento. Ademais, a administración autonómica galega inviste por alumno en centros públicos 8.748 euros, o que supón 805 euros máis que a media española.

A maiores desa base estrutural, o Goberno galego faise cargo cada ano da xestión de servizos como o transporte e o comedor escolar, que lle supoñen un importante aforro ás familias. No que atinxe a apoios directos, destacan convocatorias como as dirixidas á compra de libros de texto e material escolar, de especial importancia neste mes de setembro.

Melloras cada ano

A Xunta ampliou en máis dun 25% desde 2022 o apoio a familias e alumnado a través das axudas para libros, material escolar e matrícula universitaria gratuíta, que se configuran coma un recurso fundamental no inicio de curso. Ao longo dos últimos cinco cursos consolidáronse diferentes convocatorias e puxéronse en marcha novas medidas, moitas delas pioneiras, que implican un investimento xa de máis de 140 millóns e permiten ampliar en 129.000 os beneficiarios ata a actualidade.

Por exemplo, no curso 2022/23 incrementouse o importe do vale para que as familias merquen material escolar de 50 a 75 euros e ao ano seguinte ampliouse a outro tramo de renda, creando un novo cheque de 60 euros, ao tempo que se subían as axudas para a compra de libros en ata un 25%.

Xa no curso 2024/25 púxose en marcha a matrícula gratuíta na Universidade e nas Ensinanzas Artísticas Superiores, unha medida pioneira en España, e no 2025/26 a desgravación fiscal pola compra de libros e material escolar para as familias que non podían acollerse ás convocatorias xa existentes por renda. A maiores, vén de lanzarse unha nova liña de axudas de 150 euros para as familias que empregan comedores xestionados por Anpas, Concellos ou centros concertados, que se ampliará neste novo curso 2026/27 cunha segunda liña con 100 euros para familias con rendas per cápita de entre 6.000 a 10.000 euros.

Máis de 422.000 axudas

Estas accións forman parte dun paquete de medidas moito máis amplo que se ofrece curso a curso, no que o Goberno galego inviste máis de 145 millóns de euros. Este ano académico estímase conceder máis de 422.000 axudas a familias e estudantado desde a etapa de Infantil ata a Universidade. Isto supón case un 10% máis con respecto ao orzamento do curso anterior e un incremento tamén no número de apoios.

Este amplo mapa de apoios supón un importante recurso de cara a encarar o inicio do curso escolar e, ao tempo, permite axudar a quen máis o precisa e recoñecer tamén o esforzo académico. De feito, e a maiores das axudas para os libros, material ou o servizo complementario de comedor escolar, inclúense tamén as diferentes iniciativas impulsadas desde a Xunta para impulsar a innovación na FP, así como os premios extraordinarios que se outorgan aos alumnos polo seu esforzo e excelencia, ao que se destinan máis de 1,1 millón de euros cada ano.

Por impacto total na comunidade escolar, as achegas con maior alcance son as dirixidas a libros de texto e material, así como o comedor escolar. As liñas para a compra e préstamo de libros e adquisición de material escolar, a dedución fiscal e os materiais do programa E-Dixgal (que son totalmente gratuítos para o alumnado) suman un orzamento de case 27 millóns de euros e un alcance de máis de 313.000 apoios.

No que atinxe ao comedor, a Consellería de Educación destina case 67 millóns de euros, dentro dos que se contemplan tanto os xestionados pola Consellería como as subvencións para Anpas, concellos ou entidades de atención á diversidade, así como para a nova liña de axudas de 150 euros posta en marcha este ano para as familias. En total, benefícianse das diferentes axudas de comedor máis de 78.840 persoas, das que a inmensa maioría goza do servizo de forma gratuíta ou pagando tan só un euro ao día.

Biblioteca Rosalía de Castro.
Biblioteca Rosalía de Castro. | Xunta de Galicia

Apoio en todos os niveis formativos

Universidade

A matrícula gratuíta nas universidades galegas e nas ensinanzas artísticas superiores é o terceiro bloque de medidas con maior impacto, con arredor de 13.500 beneficiados. Sumado á conxelación de prezos públicos de matrícula para graos e másters, supón un aforro de máis de 20 millóns de euros para as familias galegas cada curso.

Para estas ensinanzas tamén se inclúen outras convocatorias de bolsas e axudas como os premios Ángela Ruiz Robles e os premios fin de carreira (para universitarios e para ensinanzas artísticas superiores), as axudas para as persoas desempregadas que desexen completar a súa formación a través dun máster, as complementarias ao programa Erasmus+, así como os contratos predoutorais e os doutoramentos industriais. Todas estas accións no eido universitario suman 39,8 millóns de euros.

Internacionalización

A internacionalización do ensino e a mellora das competencias do alumnado en linguas estranxeiras en igualdade de oportunidades é outra das liñas prioritarias do mapa de apoios da Consellería, a través do programa Galemundo. Para iso, concédense diferentes bolsas para estadías no estranxeiro ou en campamentos de linguas dentro de Galicia en diferentes etapas educativas. Súmanse a elas as axudas complementarias ás outorgadas polo programa Erasmus+ para mobilidades de alumnos de FP, Universidade e ensinanzas artísticas en institucións educativas doutros países.

Innovación na FP

Cómpre salientar tamén que a Xunta está a impulsar a innovación na Formación Profesional a través de certames como Innovatech ou Idea, con premios para que o alumnado desenvolva as súas propostas innovadoras. Ademais, anualmente convócanse axudas para os desprazamentos dos estudantes no período de prácticas, así como os premios extraordinarios

Contenido patrocinado

stats