A Xunta alegará contra a nova planficación eléctrica estatal

Rueda di que discrimina a Galicia no investimento e que impide desenvolver unha ducia de proxectos

Alfonso Rueda, en el Consello de la Xunta de este lunes.
Alfonso Rueda, en el Consello de la Xunta de este lunes.

A Xunta de Galicia vai presentar alegacións á proposta de planificación da rede de transporte eléctrica para o período 2025-2030 presentada polo Estado, informou onte após o Consello Alfonso Rueda. E explicou que o rexeitamento da Xunta obedece básicamente a que o proxecto “apenas reserva un 2,8% do investimento total para Galicia”.

Rueda resaltou que as comunidades necesitan “infraestruturas eléctricas modernas e adaptadas á realidade actual do tecido industrial e ao crecemento previsto no futuro”. Nesta liña, lembrou que contar con estas instalacións “é fundamental para o desenvolvemento económico das comunidades”.

A vixente planificación da rede de transporte para 2021-2026 xa discriminou a Galicia -incidiu Rueda- ao prever menos dun 1% de investimento en redes fronte ao 6,7% no período anterior (2015-2020). Agora, a nova proposta amosa unha continuidade nesta liña discriminatoria polo baixo investimento reiterado que se prolongará como mínimo máis dun lustro.

O Goberno galego está preocupado porque aínda que a comunidade necesita aumentar a capacidade de evacuación e consumo de enerxía renovable para atender a demanda de proxectos industriais, dos 13.122 millóns de euros previstos a nivel estatal só se destinan a Galicia arredor de 367 millóns, o que supón un 2,8 % do total.

Ademais, só 215 millóns corresponden a novos investimentos, mentres que o resto son actuacións pendentes da planificación anterior, advertiu Rueda. E subliñou que esta situación pon en risco máis dunha ducia de proxectos industriais estratéxicos, como a planta de metanol verde de Mugardos ou a central de bombeo reversible de Meirama.

A conselleira María Jesús Lorenzana, pola súa parte, sinalou que a Xunta reclamará máis capacidade de consumo e evacuación para evitar frear o desenvolvemento económico, especialmente en zonas como Lugo.

No documento de alegacións requirirase, así mesmo, investimento para asegurar a capacidade de evacuación de proxectos de xeración de enerxía a partir de fontes renovables, entre elas, as de almacenamento e as vinculadas coa eólica mariña.

Por outra banda, solicitarase un reforzo dos nós onde existen proxectos de bombeo reversible. Cómpre lembrar que na actualidade están proxectadas centrais de bombeo deste tipo en Mazaricos, Lousame, A Cañiza, Cartelle, O Saviñao e Entrimo.

A Xunta tamén reclamará maior investimento nas comarcas de Ferrol e da Coruña, onde non hai novos reforzos para as zonas declaradas de transición xusta tras o peche decretado polo Estado das centrais térmicas.

Estas dúas demarcacións territoriais contan, ademais, con diferentes proxectos industriais a desenvolver. Trátase de iniciativas que, de saír adiante -no caso da de Ferrol- permitirían impulsar o seu desenvolvemento. A incorporación de novas infraestruturas de transporte para a zona central e o oeste da provincia de Lugo é outra das reclamacións, xa que segue sen dispoñer de ningunha subestación.

Contenido patrocinado

stats