O Xogade medra e chega xa ao 66% do alumnado galego de 6 a 16 anos
Iniciativas
A oferta do programa para este curso mantén as 16 modalidades na actividade escolar e contará con 38 federacións
Co obxectivo de promover a práctica da actividade física e deportiva e a apropiada utilización do lecer entre a poboación en idade escolar ao abeiro do Plan Galicia Saudable da Xunta, convócase o programa Xogade (Xogos galegos deportivos en idade escolar) para o curso 2025-2026. O programa, que naceu na tempada 2009-2010, acada así a súa décimo sétima edición aumentando o seu peso na poboación galega e, con preto de 147.000 mutualizados (146.622), representa xa o 66% dos 221.671 escolares de entre 6 e 16 anos que hai en Galicia. En total, estes 147.000 escolares sumaron 224.219 participacións: 124.438 participacións na actividade deportiva federada e 99.781 participacións en actividade deportiva escolar. Neste sentido, as participacións subiron, con respecto ao ano pasado, un 20%, polo que podemos dicir que a mocidade galega fai máis deporte.
No que respecta á oferta, o Xogade mantén as 16 modalidades na actividade deportiva escolar e contará con 38 federacións adheridas. Deste xeito, as disciplinas convocadas no marco da actividade deportiva escolar son atletismo en pista, bádminton, baloncesto, balonmán, cross, duatlón, encontros multideportivos, fútbol sala, multixogo 6-8, natación, orientación, patinaxe artística, tenis de mesa, voleibol, xadrez e xogando co atletismo. Pola outra banda, as 39 federacións deportivas galegas que están dentro do Xogade serán este ano: atletismo, bádminton, baile deportivo, baloncesto, balonmán, béisbol e sófbol, birlos, boxeo, caza, ciclismo, deporte autóctono, esquí náutico, fútbol, halterofilia, hípica, hóckey, judo e deportes asociados, karate e disciplinas asociadas, kickboxing e muay thai, kung-fu, loita e disciplinas asociadas, motociclismo, natación, orientación, pádel, piragüismo, remo, rugby, salvamento e socorrismo, squash, surf, taekwondo, tenis, tenis de mesa, tríatlon e péntatlon moderno, voleibol, xadrez e ximnasia.
Unha tempada máis, o Xogade continuará apostando pola inclusión, adaptando todo o que sexa necesario para garantir a participación de todas as persoas, incluíndo as que teñan algunha diversidade funcional. Esta igualdade non só se consegue grazas á inclusión daquelas persoas con diversidade, senón tamén en cuestión de xénero. A actividade deportiva escolar foi realizada na tempada 2024-2025 por un 52% de nenos e un 48% de nenas.
Seguro 6-16 gratuíto
Cómpre sinalar que a Xunta mantén a gratuidade do seguro de accidentes deportivos para os menores de entre 6 e 16 anos participantes, unha medida na que Galicia é pioneira, así como do transporte e a participación nas actividades. Favorécese así o acceso ás actividades de escolares de toda a xeografía galega coa colaboración das 31 agrupacións deportivas escolares que este pasado ano viron incrementado o importe dos seus convenios para a compra de material. No caso da actividade federada, tamén se sufraga un seguro deportivo de 6 a 16 anos para apoiar o deporte de base e a promoción da actividade físico-deportiva e os hábitos saudables.
A póliza de seguro colectivo para cubrir os riscos derivados da práctica deportiva no programa Xogade, tanto nas actuacións do ámbito federado como do escolar do período 2024-2026, ten un valor de 6,24 millóns de euros (6.237.749,48 euros). Isto é, as tempadas 2024-2025 e 2025-2026 contan cunha prima anual media de 3,12 millóns de euros (3.118.874,74 euros), un 45% máis que a prima media anual de 2024 (2,15 millóns de euros).
Con todo, o gasto anual do programa Xogade na tempada 2024-2025 ascenderá a preto de 4 millóns de euros, repartidos en: 3,12 millóns de euros para o seguro deportivo escolar, 450.000 euros para o contrato de transporte para os escolares que participan no Xogade, 185.000 euros os convenios coas agrupacións deportivas escolares e uns 50.000 euros para outros gastos organizativos.
Propostas educativas
Xunto coa actividade deportiva escolar, o programa Xogade ofrece outras propostas como Coñece o meu club, para facilitarlles aos centros educativos que se poñan en contacto coas entidades da súa contorna; Proxecto de vida activa e deportiva (PVAD), encamiñado a aumentar a actividade física saudable dos escolares; Xogando coa auga e co vento, que dá cabida a proxectos cos que achegar os escolares galegos á natureza a través de deportes acuáticos; Xogos tradicionais e populares, a prol do seu arraigo na poboación escolar; así como actividades de promoción de escalada, pickleball e piragüismo-dragóns, entre outras modalidades deportivas, tradicionais e urbanas.
As entidades escolares e deportivas que conten con equipos e estean interesadas en inscribirse no programa poden facelo ao longo do curso a través das webs www.xogade.xunta.gal e www.deporte.xunta.gal.
Contenido patrocinado
También te puede interesar