O visor das rutas en bicicleta ofrece información técnica e turística

A paisaxe de Galicia desde a bicicleta

Os usuarios poden descargar fichas de información con fotos, mapas, nivel de dificultade ou perfís do terreo

O visor do proxecto “A paisaxe de Galicia desde a bicicleta” permite seleccionar entre 82 rutas.
O visor do proxecto “A paisaxe de Galicia desde a bicicleta” permite seleccionar entre 82 rutas.

O proxecto “A paisaxe de Galicia desde a bicicleta” artículase a través dun visor completo pensado dende Medio Ambiente para facilitar o manexo por parte dos usuarios. A través da páxina web mapas.xunta.gal/visores/galiciaenbici/, os interesados poden realizar múltiples funcións con cada unha das 82 rutas propostas.

Deste xeito, os usuarios poden descargar os datos das rutas en diferentes dispositivos (ordenador, reloxos GPS, e móbiles) en formatos compatibles de uso libre. O acceso á información sobre estas rutas, e co fin de acadar a máis ampla difusión posible do proxecto, púxose tamén a disposición pública a través da aplicación Wikiloc; unha aplicación especializada e amplamente coñecida e utilizada por usuarios de moi diferentes perfís.

Fichas e filtros

Os usuarios destas aplicacións poden descargar as fichas de información de cada ruta en formato PDF; cada unha destas fichas inclúe toda a información dispoñible da ruta elixida: fotos, mapas, nivel de dificultade (familiar, media e para expertos), perfís do terreo, outras recomendacións e, de maneira moi singular, a situación dos miradoiros e lugares cun alto valor paisaxístico. A ficha de cada unha das rutas incorpora información, non só sobre o percorrido a nivel técnico, senón que tamén ofrece datos turísticos e históricos de cada zona.

Ademais, as persoas que entren no visor teñen a opción de buscar as rutas en base ós seus intereses, aplicando filtros coma o concello polo que atravesa o percorrido, o tipo de ruta (en liña ou circular), o nivel de dificultade (doada, moderada, dura ou moi dura), a lonxitude entre menos de 20 kilómetros e máis de 50 ou o tipo de paisaxe (costa ou interior).

Contenido patrocinado

stats