Unha rede de 82 rutas con 3.900 km por Galicia para os amantes do pedal
A paisaxe de Galicia desde a bicicleta
A excelente acollida do proxecto “A paisaxe de Galicia desde a bicicleta” levou ós impulsores a ampliar as propostas
Hai agora catro anos, o Instituto de Estudos do Territorio (IET), organismo dependente da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, comezou a traballar con varios concellos de toda a xeografía galega, en colaboración cos clubes ciclistas de particulares e da propia Federación Galega de Ciclismo cunha misión: identificar as potenciais rutas para percorrer sobre dúas rodas e recollelas nun catálogo que facilitase os percorridos e a identificación por parte dos usuarios.
Os criterios que debían cumprir estas rutas pasaban por ter un punto de inicio e final definido e accesos controlados para ciclistas, un percorrido que tivera a meirande parte fóra dos tramos de estradas e pistas asfaltadas (do entorno dun 25%), unhas condicións de seguridade axeitadas para os futuros usuarios independentemente da súa clasificación ou nivel de esixencia física e contar con puntos destacables de interese paisaxístico no seus trazados.
Dese traballo de identificación, estudo e cartografado nacía o visor “A Paisaxe de Galicia desde a bicicleta”, que entrou en funcionamento en setembro do ano 2022. O punto de partida eran 52 rutas que abranguían un total de 2.312 kilómetros. Entre elas incluíanse sete rutas dos Centros BTT de Galicia, dous camiños naturais e dúas rutas da recen creada “Enoturismo a Pedais”.
A excelente acollida da iniciativa, acadando ou mesmo superando as expectativas iniciais máis favorables, motivou ós impulsores do proxecto a acometer a ampliación da rede inicial con novas rutas. Así, a comezos deste mes de xuño incorporábanse 30 novas rutas, sumando un total de 82 con preto de 4.000 kilómetros de percorrido a través da paisaxe galega.
O IET, coa colaboración da empresa especializada Sherpa Project SL, amplía deste xeito a rede en 1.601 kilómetros que se unen ós 2.312 xa catalogados para ofrecer rutas coas que percorrer o territorio a través de lugares de alto valor paisaxístico.
Estas cifras revelan o impacto desta iniciativa e sitúana entre as máis relevantes a nivel nacional. Como xa sucedeu na primeira fase, a inclusión das novas rutas no proxecto estivo precedida por un exhaustivo traballo de recollida e tratamento de datos e un posterior “traballo de campo”, consistente na realización de cada un dos recorridos en bicicletas dotadas de ferramentas tecnolóxicas que permitiron, non só a captura en vídeo dos trazados, senón a obtención doutra completa información en relación as súas características.
Contenido patrocinado
También te puede interesar