Unha proposta que se adapta ás características de tódolos usuarios
A paisaxe de Galicia desde a bicicleta
A meirande parte das 82 rutas transcorren no interior do macizo galaico e 23 achéganse ós recunchos costeiros
Ademais de pola dificultade técnica, os usuarios do visor de “A paisaxe de Galicia desde a bicicleta” tamén poden buscar os percorridos en función da paisaxe, elixindo entre costa ou interior. Tendo en conta a distribución do territorio, a meirande parte destas rutas transcorren polo interior do macizo galaico e 23 achéganse ós recunchos costeiros da xeografía galega. Son un total de 82 rutas distribuídas nas catro provincias aptas para todo tipo de ciclistas.
As lonxitudes
O visor da Xunta, impulsado dende a Consellería de Medio Ambiente, permite seleccionar as rutas por lonxitudes ou dificultades, favorecendo deste xeito a súa utilización por todo tipo de usuarios. No tocante ás distancias, divídense as rutas entre menos de 20 kilómetros, entre 20 e 30, entre 30 e 50 e máis de 50 kilómetros. Son as do terceiro tipo as que suman un maior número de percorridos, cun total de 37 rutas de todas as dificultades.
Para os menos experimentados existen seis rutas de menos de 20 kilómetros, ningunha delas de dificultade moi alta e todas elas dentro da provincia de Lugo, dende as terras de Monforte na Ribeira Sacra ata os acantilados da Mariña.
No outro lado do catálogo salientan as 28 rutas con máis de 50 kilómetros, distribuídas na súa maioría fóra da zona central da comunidade autónoma e só dúas delas suman máis de 100 kilómetros. O primeiro posto no podio ocúpao a ruta cicloturista 360, unha proposta circular de dificultade moi dura que percorre un total de 112,9 kilómetros na área de Mondariz. Son, máis de 1.250 metros de desnivel acumulado, o que a converte nun dos percorrido máis completos e desafiantes.
Xunto a el, os 105,8 kilómetros da ruta cicloturista Camiño do Mar percorren a costa lucense entre Ribadeo e O Vicedo sempre en liña de costa e atravesando os principais núcleos de poboación da zona con subidas e baixadas que rexistran un desnivel acumulado de 2.034 metros.
No medio destas propostas, os usuarios poden escoller entre ducias de propostas adaptadas sempre para o seu nivel físico e resistencia e sempre deseñadas para os amantes do pedal.
As dificultades
“A paisaxe de Galicia desde a bicicleta” ten en conta a todo tipo de usuarios, non só ós máis experimentados. Por iso, contempla rutas deportivas de alto nivel de esixencia física e outras perfectas para percorrer en familia. Neste sentido, menos da metade das 82 propostas (un total de 38) son moi duras, debido en grande medida ó desnivel acumulado que presentan, con subidas e baixadas que requiren unha certa forma física.
Fronte a iso, no visor de Medio Ambiente inclúense oito percorridos doados que atravesan enclaves tanto de costa como de interior con pequenos desniveis e camiños fáciles de percorrer para todo tipo de públicos.
Entre os dous extremos, figuran unha corentena de rutas de dificultades moderada e dura, que permiten ós ciclistas ir subindo progresivamente o nivel das súas saídas. En calquera caso, sempre existe unha opción para que todos, grandes e pequenos, poidan gozar da xeografía galega e da súa variada paisaxe ó tempo que aproveitan o aire libre e practican deporte. O visor da iniciativa “ A paisaxe de Galicia desde a bicicleta” desenvolveuse pensando en facilitar ó máximo a planificación das rutas e axudarlle ós usuarios a obter toda a información necesaria do xeito máis doado.
Contenido patrocinado
También te puede interesar