Unha homenaxe ao canto popular

Día das Letras Galegas

A Real Academia Galega celebra hoxe a sesión extraordinaria do Día das Letras Galegas en Malpica de Bergantiños

Rosa Casás Rama e Adolfina Casás Rama fotografadas en Cerceda en 1980 pola musicóloga suíza Dorothé Schubarth
Rosa Casás Rama e Adolfina Casás Rama fotografadas en Cerceda en 1980 pola musicóloga suíza Dorothé Schubarth

O Día das Letras Galegas de 2025 recoñece a labor das cantareiras, mulleres que foron quen de trasladar o cancioneiro popular de xeración en xeración de forma oral. A conmemoración céntrase nas figuras das irmás Adolfina e Rosa Casás Rama (Cerceda), Eva Castiñeira Santos (Muxía) e as Pandereteiras de Mens, nomeadamente, Manuela Lema, Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda e mais Teresa García Prieto, que faleceron hai máis de dez anos.

Este será en calquera caso un ano para recoñecer tamén a contribución das dúas integrantes do grupo falecidas máis recentemente, Adela Rey Torrado e Teresa Lema Varela, e de milleiros de mulleres que en cada aldea tiveron un papel destacado na creación e transmisión dun riquísimo patrimonio de tradición centenaria, segundo destacou a académica Ana Boullón, promotora da candidatura, na presentación da programación as Letras Galegas 2025.

A Real Academia Galega celebrará a sesión extraordinaria e pública do Día das Letras Galegas no Centro Cívico e Cultural de Malpica de Bergantiños, ás 12:30 horas. A parte musical contará coas Tanxugueiras.

Contenido patrocinado

stats