Unha chamada a sermos esperanza

Publicado: 25 jul 2025 - 04:00

Catedral de Tui.
Catedral de Tui.

Galicia celebra o seu día grande o 25 de xullo, na festa do Apóstolo Santiago. Facémolo neste tempo marcado pola incerteza, a crispación social, a dura violencia de tantas guerras incomprensibles, a corrupción, e tantas cousas que escurecen o horizonte de moitas persoas.

Sen deixar de ser isto verdade, a mensaxe que nos transmitiu o Apóstolo Santiago e todo canto suscitou a devoción xacobea na historia, nesta celebración adquiren un valor especial: poder ser un faro de esperanza, un espazo para o reencontro, a volta ás propias raíces e a paz.

A festa deste día fálanos de tradición de fe, compromiso evanxelizador, sentido para a vida. É tamén, dunha expresión fonda da identidade dun pobo que, ao longo da historia, soubo manterse fiel ás súas raíces sen pecharse ao mundo; pola contra, Galicia terra de camiños e cruces de culturas, convértese neste día nun símbolo do que o ser humano pode construir cando camiña xunto aos demais, cando tende pontes, buscando un sentido para a vida, o ben común, a verdade e a beleza.

O Día de Galicia é celebración da lingua que nos une, da cultura que nos define, da espiritualidade que nos sostén e dá fondura que somos. É tamén unha oportunidade para lembrar que a nosa terra pode -e debe- seguir ofrecendo canles de diálogo e entendemento nun mundo tan fracturado. Santiago fálanos de meta do Camiño, de lugar de acollida, de dar forma ao espírito: aquí conflúen historias, silencios, crenzas e esperanzas. Aquí, cada paso é unha ponte e cada camiñar transfórmase nun encontro, e ese espírito de apertura, de hospitalidade, de paz, é tamén parte esencial do que hoxe celebramos.

A celebración solemne na Catedral compostelá, coa tradicional Ofrenda ao Apóstolo, reúne a crentes, institucións, peregrinos e milleiros de persoas que atopen non só un destino, unha meta, senón un espazo aberto ao Outro e aos outros. Un lugar onde a fe e a cultura se entrelazan, onde a tradición ser converte en diálogo e onde o pasado ilumina o presente e un futuro posible.

Neste 25 de xullo, Galicia volve amosarse como aquilo que sempre foi: unha terra que acolle sen preguntar, que fala con palabras propias, que busca sentido nun tempo que semella perdelo. Un lugar desde onde volver crer que hai camiños para a esperanza, mesmo cando moitas cousas arredor invitan ao escepticismo, porque no fondo, e dándolle sentido, está Aquel que é o Camiño, a Verdade e a Vida, que chamou e chama a seguir as súas pegadas, e que puxo a andar por ese vieiro a tantos e tantas ao longo da historia.

Celebrar o Día de Galicia é lembrar que aínda é posible confiar no mellor da humanidade, porque, desde o seu silencio profundo e a súa palabra sabia, a nosa terra, segue a ofrecerlle ao mundo algo esencial: a posibilidade dun encontro que reconcilie, unha cultura que nos une e identifica, unha espiritualidade que esperta as conciencias e nos invita a sermos próximos de todos.

Feliz festa a todos e todas, neste día e sempre!

Contenido patrocinado

stats