Bolsas de excelencia
O 80% dos bolseiros BEME elixen consolidar o seu talento en Galicia
Unha sociedade aberta ao coñecemento, preparada para avanzar e mellorar a vida das persoas, pensamos que é posible.
En primeiro lugar, porque o noso xeito de estar no mundo é agarimoso coas persoas e respectuoso coas diferenzas. Temos a sensación de que, neste momento, se dan moitas condicións para que no noso país agrome a sabedoría e poidamos actuar como faros que alumeen o presente e o futuro.
No pasado fomos terra de emigrantes. Foron moitas as persoas que tiveron que atopar noutras latitudes o sustento e unha vida digna. Somos conscientes do agarimo e dos brazos abertos que atopamos en moitas latitudes. Tanto é así que en moitas cidades de Iberoamérica e doutros países vive aínda Galicia. Espero que sexamos quen de atopar esa mesma sensibilidade para as persoas que, neste momento e aproveitando a situación de Galicia, se achegan onda nós para buscar o mesmo que buscaron tantos galegos e galegas hai tempo. Sexamos terra de acollida e aproveitemos todo o potencial das persoas que chegan para que o país progrese e medre.
Un dos retos máis importantes que temos como sociedade é a reversión do problema demográfico. A poboación galega, pola baixa natalidade, está a sufrir un envellecemento e unha falta de renovación. Pois ben, as chegadas de novos galegos e galegas (moitos deles con parentes da Galicia emigrante) están a cubrir parcialmente ese reto demográfico e, daquela, están axudando a evitar que a nosa sociedade teña unha abrupta caída e continúe na senda da prosperidade.
A Universidade de Vigo tamén pode ser unha boa ferramenta para axudar nos retos do futuro. Por unha banda, somos unha universidade europea, pública e de calidade contrastada, que pode servir para atraer estudantes doutras latitudes, que gocen da excelencia na súa formación e que poidan namorarse da nosa terra e seguir connosco como novos galegos e galegas.
Por suposto, o sistema universitario público galego ten como primeiro obxectivo facer que todo o talento que sae de Galicia e que se achega ás nosas aulas agrome, sexa pulido e multiplique a capacidade creadora dunha sociedade artellada, próspera e xenerosa. Nin que dicir ten que a nosa Universidade de Vigo ten un forte compromiso coa nosa terra, co espallamento da nosa lingua e da nosa cultura, coa formación do noso estudantado e coa xeración de coñecemento. Aspiramos ao mesmo tempo a que os novos coñecementos sexan útiles para a nosa sociedade no seu conxunto, tanto no eido público coma no privado.
Así que pensamos que nesta situación paga a pena confiar na nosa xuventude. Temos todos os vimbios para formar unha Galicia baseada no coñecemento, que mire de igual a igual calquera das rexións máis desenvolvidas de Europa. Que aproveite ao máximo a combinación de talento e de esforzo da nosa mocidade. Que sexa quen de ofrecer un lugar onde, ademais de gozar das marabillosas paisaxes, do clima suave e da rica cultura, poidamos exportar coñecemento e valores na construción dunha Europa que mereza a pena e que sexa quen de influír para construír un mundo mellor. Un mundo que ten que ser, necesariamente, igualitario, inclusivo e fraterno. Para iso precisamos do esforzo de todas as persoas. Xuntos seremos máis fortes e conseguiremos o lugar en Europa e no mundo ao que lexitimamente aspiramos.
Viva Galicia! Que vivan as persoas que forman parte da nosa sociedade!
Manuel Reigosa Roger, reitor da Universidade de Vigo
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último