Tamara Costas, directora de pandeireta en Fiadeiro: “Levamos anos recollendo cantares polas diferentes aldeas”

“No próximo mes de agosto representaremos a Galicia no festival Intercéltico de Lorient na Bretaña francesa”

Publicado: 17 may 2025 - 10:14 Actualizado: 17 may 2025 - 10:15
Tamara Costas, directora de pandeiretas do Fiadeiro.
Tamara Costas, directora de pandeiretas do Fiadeiro.

Tamara Costas é directora da pandeireta na Asociación Fiadeiro, que leva a cultura galega polo mundo adiante. Tamén forma parte da agrupación As Lagharteiras, e foi unha das escollidas para cantar no himno do cententario do Celta.

Que papel xoga o Fiadeiro na cultura galega?

Somos unha das asociacions de referencia en Galicia, das primeiras na provincia de Pontevedra en darlle o valor que lle é de seu aos saberes dos nosos maiores. Desas asociacions responsables en parte de que todo iso non se perdese e foron referencia e modelo a seguir de asociacions máis pequenas do seu redor…. Teñen moito que ver nas letras galegas deste ano as asociacions culturais e as persoas que lle deron valor e non deixaron no esquecemento o saber destas mulleres. Ademáis de darlle sempre o valor que merecen os maiores, o Fiadeiro fai unha importantísima labor de divulgación da nosa cultura, levando as nosas tradicions aos mellores escenarios de Galicia, pero tamén do estranxeiro. No próximo mes de agosto, por exemplo, representaremos a Galicia no festival Intercéltico de Lorient na Bretaña francesa. Ademáis contamos cunha gran Escola cunha ampla oferta de actividades para todas as idades, nas que a cultura tradicional é o piar fundamental.

Que opina da eleción da Acadamia galega?

O Día das Letras Galegas ven representado nuns nomes concretos, pero que inclúen a todas esas mulleres que tanto nos trasmitiron, incluidas as nosas avoas cos seus refráns, romances, cantares… quen non sabía algún? Vaia por todas elas, mulleres fortes, traballadoras, valentes e xenerosas.

Cando comeza a túa conexión coa tradición?

Comecei a dar clases de música e baile tradicional aos 20 anos mentres realizaba a miña tese en Química, e un día cheguei a casa e dixen que a miña paixón era ensinar. Fago maxisterio, mentres remato o doutoramento, e unha vez rematados os estudos adiqueime a miña verdadeira paixón. Agora dirixo grupos de pandereteiras en asociacións de gran relevancia en Galicia.

Ademáis de no Fiadeiro, onde das clases?

Traballo cos máis pequenos nas agrupacións Tarambainas de Vigo e Vai de roda de Rianxo, coas que teño acadado máis dun centenar de premios nos concursos de baile, pandeireta e vestimenta tradicional que se realizan en Galicia. Ademais, o curso pasado formei nos Maristas un grupo de pandeireta e baile tradicional que conta xa con 60 alumnas e alumnos, sempre da man da ACF Tarambainas.

E nas Lagharteiras, cal é o teu papel?

As Lagharteiras é o grupo no son pandereteira e onde inicia o meu traballo de investigación e recollida sempre da man de Carlos Álvarez, director desta agrupación ata hai uns anos. Lagharteiras trata de mostrar sempre o lado máis natural da música que recollemos.

Hai unha labor moi importante, que é a recolla directa dende as informantes…

Levamos anos recollendo cantares, historias de vida, cantigas... polas diferentes aldeas de Galicia, se hai algo que descubrín ademais de mulleres marabillosas, bondadosas, fortes… é que existen cantigas para todo... A literatura popular é case infinita! E este ano temos a sorte de que se recoñece publicamente.

Contenido patrocinado

stats