O sector vitivinícola consolida a súa calidade nas Catas de Galicia
innovación
Nesta edición rexistráronse preto de 500 mostras pertencentes a 176 empresas, 100 máis que o ano pasado
Galicia é un referente no sector vitivinícola, cun eido conformado por preto de 500 adegas, máis de 10.000 viticultores e 15 destiladores, que cada ano xera un valor económico de 230 millóns de euros. Neste sentido, a viticultura é unha das grandes mostras da Galicia Calidade que se quere impulsar dende o Goberno autonómico.
Pero o sector, ademais de medirse en termos cuantitativos, tamén é sinónimo de calidade, como demostra a última edición das Catas de Viños, Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia, organizada pola Consellería do Medio Rural, onde se puxo de relevo a excelencia dos viños e as bebidas espirituosas que se producen en Galicia, e que contribúen a consolidar o papel da comunidade como destino enogastronómico de referencia.
Neste contexto, o territorio conta con cinco denominacións de orixe (Valdeorras, Ribeiro, Rías Baixas, Monterrei e Ribeira Sacra), catro indicacións xeográficas protexidas (Terra de Betanzos, Ribeiras do Morrazo, Val do Miño Ourense e Barbanza e Iria) e as indicacións xeográficas de bebidas espirituosas (Licor Café de Galicia, Licor de Herbas de Galicia, Orujo de Galicia, Augardente e Augardente de Herbas de Galicia). A través destes distintivos de calidade e o impulso que se lles dá dende o Goberno autonómico, os produtos galegos lograron acadar unha maior dimensión ao ver a súa calidade e trazabilidade garantidas a través destes selos. Así, con estes indicativos, os produtos agroalimentarios contan cunha posición moito máis competitiva no mercado, atractiva para o consumidor e coa certeza de que ditos produtos pasaron por rigorosos controis de calidade, como mostra do seu especial coidado no proceso de elaboración e comercialización, englobando á perfección a filosofía de Galicia Calidade.
Catas de Galicia 2025
O Hotel Monumento San Francisco de Santiago de Compostela acolleu este ano a entrega dos recoñecementos das Catas de Galicia, un certame co que a Xunta de Galicia premia a excelencia dos viños e augardentes galegos co obxectivo de promocionar esta excelente calidade, incidindo na particularidade e personalidade das producións con certificación de orixe galega, elaboradas cunha clara aposta pola calidade e caracterizadas pola súa vinculación ao territorio.
Este ano o Acio de Ouro ao Mellor Viño Branco de Galicia foi para Eduardo Peña, da adega Eduardo Rodríguez e Luz Cánovas, pertencente á DO Ribeiro; mentres que o galardón ao Mellor Viño Tinto foi para Prómine, de Bodegas Petrón, da DO Ribeira Sacra. O evento premiou tamén con Acios de Ouro, Prata e Bronce, tanto nas modalidades tintas como brancas, aos mellores viños de cada unha das cinco denominacións de orixe galegas, así como no eido das IXP.
En relación coas augardentes, que en vez de acios reciben potes, os galardóns de ouro foron para Vedra do Ulla, de Augardentes de Galicia, na categoría da IX Augardente de Galicia; Meu Ceo, de Orujos e Licores Augavella como mellor Augardente de Herbas. No eido do Licor Café repite de novo Meu Ceo cun pote de Ouro. O recoñecemento ao mellor Licor de Herbas foi para Fonte do Frade, de Pazo de Valdomiño.
Por último, entregáronse tamén Acios de Ouro, Prata e Bronce para viños espumosos; de colleiteiro e de pequenas adegas; de colleitas anteriores; de elaboracións con madeira e un Acio de Ouro para viños de variedades senlleiras.
Nesta edición (correspondente á XXXVII Cata dos Viños, XXVII Cata das Augardentes e XIV Cata dos Licores Tradicionais) rexistráronse preto de 500 mostras pertencentes a 176 empresas acollidas ás DO e IX, 100 máis que o ano pasado. O proceso de avaliación das mostras é totalmente anónimo. As botellas de viño introdúcense nunha bolsa opaca e sinalízase cun número. Por outra banda, as mostras de augardentes e licores recóllense en botellas de vidro transparente proporcionadas pola Consellería do Medio Rural e numeradas. A correlación entre os dous números permanece en secreto, custodiada pola secretaria do xurado.
Para a valoración por parte dos catadores, facilitouse unha tablet cargada cun software especialmente deseñado para esta finalidade, no que se valoran as características das mostras nas diferentes fases visual, olfativa e gustativa, cunha apreciación global ao remate do proceso. No caso dos espumosos, avalíase ademais a efervescencia.
Apoio do Goberno autonómico
O sector vitivinícola é un dos piares da economía galega que o Goberno autonómico impulsa de xeito continuado. Neste sentido, a Consellería do Medio Rural destinou neste 2025 máis de 11 millóns de euros en axudas específicas para a reestruturación e reconversión de viñedo; a promoción dos caldos galegos en mercados de terceiros países ou para a elaboración e comercialización destes produtos. Nesta mesma liña se continuará no vindeiro ano 2026.
A promoción e o fomento da calidade é outro dos obxectivos. Por iso, o ano que vén o Plan Saborea Calidade Diferenciada incrementa o seu orzamento ata os 10 millóns de euros, co fin de seguir realizando accións de promoción coas que dar a coñecer estes produtos, tanto no panorama nacional como internacional.
Eduardo Peña, Acio de Ouro ao mellor branco de Galicia
Eduardo Peña, gañador do Acio de Ouro ao mellor viño branco nas Catas de Galicia 2025, valora o significado deste galardón, subliñando que é un impulso fundamental para a súa adega e un recoñecemento á dedicación no sector vitivinícola galego. Para el, “é un recoñecemento importante a nivel nacional e a nivel galego,” afirma. Para a adega, o Acio de Ouro supón “un recoñecemento ao traballo ben feito” e tamén para a DO Ribeiro. “Seguramente o merecen moitas adegas porque hai xente que o fai moi ben, isto demostra que se fan as cousas ben e este ano tocounos”.
O galardón convértese así nun “impulso importante”, servindo como confirmación da boa dirección do seu traballo e un aliciente para continuar mellorando. Deste xeito, pon en valor as Catas de Galicia, un certame cunha longa traxectoria na comunidade e que “cada día se profesionaliza máis,” tanto a nivel de catadores coma no propio formato do certame, como demostran os datos de participación. Para Peña, a viticultura é un traballo “moi laborioso” que require un “peliño de romanticismo” para ser sostible, por iso este tipo de premios “danche un pequeno empuxón para seguir”.
Contenido patrocinado
También te puede interesar