Sanidade compromete 644 prazas ata 2030 e 320 millóns
O conselleiro destaca que os Orzamentos incrementan un 6,1% a partida de atención primaria
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, subliñou no Parlamento que os Orzamentos da Xunta para o ano 2027 elevan o investimento en atención primaria un 6,1%, acadando este nivel asistencial a cifra histórica de 1.854 millóns de euros.
As contas da administración autonómica para 2027 permitirán así crear xa 136 prazas das 644 comprometidas no Plan de reforma da atención primaria e comunitaria de Galicia 2026-2030, asegurou este martes desde a tribuna o titular da carteira sanitaria, quen compareceu a petición propia para informar sobre este plan da Xunta, que conta cun investimento de 320 millóns de euros e que está destinado á transformación do primeiro nivel asistencial ao longo do período 2026-2030.
Entre esas 136 prazas previstas, 39 serán de medicina familiar e comunitaria nos centros de saúde e puntos de atención continuada e 8 para o reforzo da rede de psicoloxía clínica en primaria, que acadará o vindeiro ano os 36 profesionais.
Tal e como detallou o conselleiro, entre os principais obxectivos do plan está reducir a carga burocrática dos facultativos para incrementar o tempo dedicado aos pacientes, ademais de optimizar as axendas e ordenar a sobredemanda, xunto co reforzo do cadro de persoal.
Engadido ao anterior, a Xunta mellorará as condicións laborais e retributivas do persoal e dotará a atención primaria das infraestruturas, o equipamento e as ferramentas tecnolóxicas necesarias para garantir unha asistencia de máxima calidade.
A oposición
Na súa intervención o conselleiro desagregou as 644 novas prazas de profesionais que se crearán en 16 categorías. Así, en medicina familiar e comunitaria crearanse 45 novas prazas nos centros de saúde e 18 nos puntos de atención continuada, ademais do reforzo doutras 100 prazas previstas nos PAC, unha vez que asumiron a atención os sábados pola mañá.
O deputado socialista Julio Torrado cuestionou que as 644 prazas sexan suficientes para resolver os problemas de acceso á atención primaria e advertiu de que Galicia formará máis especialistas dos que prevé incorporar a Xunta. Ao seu xuízo, o Goberno galego “renuncia” a contratar unha parte dos profesionais que poderían estar dispoñibles nos próximos anos.
Desde o BNG, Montserrat Prado cualificou a reforma de “improvisada” e criticou que a Xunta non aproveitase o traballo de máis de 200 profesionais que participaron nunha planificación anterior. E reclamou destinar o 25% dos recursos sanitarios a atención primaria
Escoita e análise
Gómez Caamaño explicou que o plan, que considera unha das iniciativas sanitarias máis importantes da lexislatura, é froito dun proceso de escoita, análise, participación e negociación no que se tivo en conta aos profesionais, sociedades científicas e colectivos implicados. “Ademais, os elementos esenciais foron abordados cos representantes sindicais na Mesa Sectorial de Sanidade”, incidiu o conselleiro.
Máximo de 30 pacientes ao día en familia e 25 en pediatría
O conselleiro explicou ademais a organización das axendas. O Plan fixa axendas dun máximo de 30 actos asistenciais diarios no caso de medicina de familia e 25 en pediatría, incorporando unha parte flexible que será xestionada polo profesional.
O plan incorpora tempos de atención definidos na atención dos médicos de familia. Deste xeito, dunha xornada ordinaria de 420 minutos, 300 destinaranse á actividade asistencial directa, dos que 200 serán en citas a demanda do paciente, 90 de actividade programada (seguimento de crónicos, cirurxías menores, etc.) e 10 para receitas. O tempo restante dividirase en 100 minutos para formación continuada e investigación e 20 minutos para descanso.
Isto tradúcese en 20 citas a demanda de 10 minutos, 5 actos de xestión de receitas e 90 minutos de actividade programada, na que se reserva un mínimo de 5 ocos en axenda. No que atinxe á pediatría, 140 minutos serán para citas a demanda do paciente, 60 para o programa do neno san, 92 de actividade programada e 8 minutos para receitas.
En base a isto, faranse 14 citas a demanda de 10 minutos; 2 citas de receitas; 4 actos do programa de saúde infantil de 15 minutos e 92 minutos de actividade programada no que se reservan un mínimo de 5 ocos configurables. Esta organización garante a flexibilidade, posto que non todos os actos requiren o mesmo tempo nin teñen a mesma complexidade.
Contenido patrocinado
También te puede interesar