Medallas de Ouro de Galicia
Rueda pon de relevo a débeda histórica coa “Galicia de fóra”
Medallas de Ouro de Galicia
“Hoxe en día, dicir Galicia significa algo en practicamente todos os lugares do mundo. O nome da nosa terra identifícase como sinónimo de traballo duro, de lealdade á palabra dada e tamén de arraigo nos sitios onde foron acollidos”, dixo onte Alfonso Rueda, o presidente da Xunta, no seu discurso na entrega das Medallas de Ouro da comunidade.
“E nesa Galicia que estaba fóra de Galicia, nesa Galicia construída sobre esa tupida rede de apoios mutuos, foi onde se criaron as catro galegas que homenaxeamos hoxe e, a través delas, a tantas e tantas mulleres. Son catro historias, son unha pequena mostra, unha magnífica mostra, doutras moitas historias máis, anónimas, que inspiran en nós, estou seguro, un orgullo inmenso”, engadiu.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, proclamou que a entrega das Medallas de Ouro de Galicia a catro mulleres residentes no exterior, aínda que de orixe galega, salda “unha débeda histórica con milleiros de mulleres da emigración que abriron camiños para as xeracións seguintes”. Fíxoo ante medio milleiro de asistentes que se desprazaron ao Museo da Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, onde recolleron a máxima distinción que cada ano concede a Xunta a empresaria e vicecónsul honoraria de España en Mar del Plata, Claudia Álvarez; a fiscal en Suíza, Beatriz Gil; a xornalista Carla Angola; e Camila Fernández, odontóloga no Brasil. Desde as súas historias persoais, as catro homenaxeadas relataron as implicacións da emigración -Beatriz Gil fíxoo en galego- e ratificaron o seu vínculo vivo coa comunidade que este 24 de xullo lles recoñeceu a súa traxectoria. Expresouno Carla Angola ao proclamar que “Galicia é fogar”, pouco antes de que Rueda reivindicase o papel da colectividade galega na diáspora, con especial atención ás mulleres.
“A diáspora galega tamén foi feminina, pois foron elas as que sosteron familias, comunidades, empresas e entidades galegas por todo o mundo. Este recoñecemento, o maior que concede Galicia, para Claudia, Carla, Camila e Beatriz, tamén o é para todas aquelas mulleres anónimas que levaron un acento galego por todo o mundo”, relatou.
Antes, Rueda rememorou o Alba de Gloria de Castelao en Bos Aires, como “o prólogo da autonomía”.
“A medalla para Claudia Álvarez recoñece o seu liderado empresarial e o compromiso coa sociedade. A súa familia, na Arxentina, foi unha das moitas sagas de galegos que emprendeu no ámbito da hostalería no seu país de acollida”, explicou o presidente a respecto das motivacións da distinción.
A respecto de Carla Angola, a segunda das galardonadas, subliñou que se trata dun “premio á defensa dos principios democráticos nun país e nun continente que necesitan especialmente dese compromiso. A mesma causa da liberdade que levou á súa familia a marchar de Galicia a América é agora a que defende Carla desde Miami, cando deixou de poder facelo na súa Venezuela natal”.
“A medalla para Camila Fernández -continuou Rueda- representa a excelencia profesional que demostraron, dende condicións, ela mesma o dicía, moi difíciles, tantos e tantos galegos no seu día a día. Ese ascensor social a base de esforzo. Aquí e no exterior. E, desde Brasil, Camila destaca pola súa actividade asistencial, científica e académica”.
Finalmente, de Beatriz Gil sinalou que “é testemuña da vocación de servizo público que teñen os galegos. Fiscal xefa de Menores e membro moi activo da colectividade galega, esas dúas almas que encarnan á perfección ese dobre vínculo: coa terra da que saíron os seus pais e coa terra coa que ela escolleu comprometerse”.
Contenido patrocinado
También te puede interesar