Rueda comparece no debate co Bono Coidado baixo o brazo
O presidente fará balance “desde o inconformismo e a autocrítica” sobre o Estado da Autonomía
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciará hoxe na súa intervención no debate sobre o estado da autonomía, que o Bono Coidado porase a disposición doutras 10.000 persoas maiores e das súas familias, que se suman ás 40.000 que o perciben nestes momentos.
Fontes do Goberno galego consultadas onte detallaron que o presidente autonómico dividirá o seu discurso en tres bloques, vertebrados pola idea de “Galicia Calidade”: economía, servizos públicos e innovación.
No bloque de servizos públicos, Rueda fará un dos seus principais anuncios: o Bono Coidado, que ofrece 5.000 euros ao ano para as persoas dependentes que reciben atención na súa casa, porase a disposición de 10.000 persoas máis no que queda de lexislatura, despois de que se duplicase desde as 20.000 até as 40.000 ao incrementarse as contías.
Ademais, Rueda fará balance, “desde o inconformismo e a autocrítica”, de Sanidade, Educación e Servizos Sociais que, explican, “están a mellorar e modernizándose, con máis orzamento e servizos innovadores adaptados á realidade social de Galicia”.
Sobre economía, o presidente da Xunta ten previsto repasar os retos pendentes en materia industrial e enerxética, as perspectivas do sector primario e os retos en materia de emprego para “seguir incrementando a produtividade e mellorando os salarios”.
Prosperidade
O terceiro bloque estará centrado “no camiño cara á prosperidade” ao que aspira o Executivo galego, co foco “na innovación, a identidade e a mellora á vertebración territorial” de Galicia.
Así as cousas, Alfonso Rueda prepara un discurso “propositivo e en positivo”, sobre un proxecto para Galicia que, consideran as fontes, “xa foi dando froitos” e que “sentou as bases para seguilos dando en todo o que queda de década”.
En definitiva, o obxectivo é aproveitar o seu discurso inicial no debate, no que conta con tempo ilimitado, para “render contas ante a cidadanía e os grupos políticos”, unha vez superado o ecuador da lexislatura, e marcar “novos obxectivos para os próximos meses”, de acordo “cos principios e as liñas de actuación comprometidas” no seu programa electoral.
Este mesmo luns, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, Alfonso Rueda xa avanzou que o acceso á vivenda será outra das cuestións sobre as que pivotará a súa intervención deste mércores. “Hai cousas que cumprir en materia de vivenda, novas cousas que achegar, cuestións que agora mesmo están de actualidade e que son moi necesarias porque se poden converter en problemas e xa están a afectar á nosa produtividade”, subliñaba.
Horarios
A cita no Pazo do Hórreo comezará a partir das 10,00 horas coa intervención do presidente Alfonso Rueda. Non terá límite de tempo. E xa pola tarde, os portavoces dos grupos terán 45 minutos para réplicas e propostas. Será o xoves cando as catro formacións parlamentarias -Partido Popular, BNG, PSdeG e Democracia Orensana- presenten as propostas de resolución, que poden negociar ese día e que se votarán o venres a partir das 11,00 horas na sesión que servirá de peche.
Contenido patrocinado
También te puede interesar