Rueda avanza o reforzo das infraestruturas hidráulicas
O Goberno galego avaliará a demanda futura, impulsará a reutilización e estudará novas presas
O Consello da Xunta deu luz verde onte á elaboración dun plan de reforzo da eficiencia das infraestruturas hidráulicas para garantir a subministración de auga a medio e longo prazo, e que contemplará medidas para mellorar as redes de abastecemento, avanzar na reutilización ou planificar, en caso necesario, novas infraestruturas, como encoros.
Así o trasladou o presidente Alfonso Rueda, na comparecencia de prensa posterior á reunión do goberno galego. Segundo sinalou, o nove encoros destinados a fornecer auga aos cidadáns teñen unha ocupación media 15,6 puntos por baixo da media dos últimos anos e, aínda que as choivas dos últimos días aliviaron algo a situación, “o risco está aí”.
Por iso, o goberno autonómico acordou a elaboración dese plan de reforzo da eficiencia de infraestruturas hidráulicas, co fin de “garantir a subministración”.
Segundo explicou Rueda, con este plan o primeiro que se pretende é avaliar o estado actual dos sistemas e poder facer unha previsión futura da demanda de auga, tendo en conta “a nova realidade climática”.
Igualmente, contémplanse diversas medidas encamiñadas a reforzar e mellorar as redes de abastecemento onde sexa necesario, e estudarase a posibilidade de utilizar “augas subterráneas” para consumo, sobre todo en períodos de seca. Tamén se busca avanzar nos sistemas de reutilización, que xa están vixentes nalgúns procesos industriais que demandan moita auga, e no sector agrogandeiro.
Ceuta e a AP-9
Rueda confirmou que, “de ser preciso”, o plan contemplará “estudar planificadamente novas infraestruturas” como encoros ou presas. “Todo isto porase en marcha con este plan”, afirmou, antes de volver facer un chamamento ao uso “prudente” do recurso.
Na rolda de prensa posterior ao Consello, o presidente da Xunta mostrou o seu apoio ás manifestacións convocadas para onte en varias localidades en apoio a Ceuta após a chegada masiva de migrantes. Indicou que tiña previsto acudir, dixo, a título persoal, e animou aos galegos a participar, asegurando que “isto non vai de política”. Tamén informou de que o Goberno galego e o Executivo central manterán unha comisión bilateral para abordar a transferencia da Autoestrada do Atlántico, a AP-9, unha cita de cara á que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, insistiu na necesidade de conseguir un traspaso da infraestrutura “sen ningún tipo de hipoteca” nin risco para as arcas galegas. Explicou que este mesmo martes a Xunta recibira unha comunicación do Goberno na que se accede a manter este acordo bilateral, cuxa data aínda non foi fixada. “Non tería ningún sentido que se puxese en marcha todo o procedemento” sen que antes a Xunta tivese a oportunidade de “volver expoñer as súas razóns”, valorou o mandatario galego.
Contenido patrocinado
También te puede interesar