Rueda acusa ao BNG de querer secuestrar o galego
Bronca no Parlamento cunha dura intervención de Pontón sobre “o acoso e derrrubo” do idioma
A situación do galego converteu en bronca a sesión de control no Parlamento deste mércores, onde, entre críticas a “17 anos de acoso e derrubo” á lingua propia de Galicia, o presidente, Alfonso Rueda, negou que o galego estea “en perigo”. “O que está en perigo, se non se lles para, é a liberdade en Galicia. Tamén a lingüística”, espetoulle á líder do BNG, Ana Pontón.
Pontón ensinoulle a Rueda unha fotografía de 2009 na que participaba, xunto con outros dirixentes populares, nunha manifestación organizada por Galicia Bilingüe. “Aquí estaba vostede na pancarta. En contra do galego. Sabe como se chaman agora os seus compañeiros de pancarta? Hablemos español”, reprochoulle.
“Carautas fóra, señor Rueda. Leva vostede 17 anos traballando contra o galego”, continuou a dirixente nacionalista, á que Rueda acusou de intentar “apropiarse” dunha lingua que é “de todos”. “Galicia é orgullosamente libre e orgullosamente bilingüe”, engadiu o presidente, que admitiu “retos” como lograr que máis mozos falen galego, pero instou ao Bloque a non facerlles “odiosa” a lingua cos seus “plantexamentos” de “impoñer, impoñer e impoñer”.
Aínda que o debate evidenciou posicións opostas, e pendente de presentar o borrador, Rueda fixo un chamamento ao Bloque para que “intente sumarse ao consenso social e aos traballos que se están facendo para pechar un documento do pacto pola lingua”, no canto de manter a súa postura “de sempre” de “primeiro dicir non, logo saírse e despois rebentalo”.
“Pois non eran tantos o domingo”, contrapuxo Rueda antes de defender as medidas do Executivo autonómico para promover o uso do galego e reivindicar o pacto que agora impulsa “con moitísima xente”. “Quen falta? Vostedes, coma sempre”, continuou o presidente, que suxeriu que o Bloque boicotea esa iniciativa.
“Fan o de sempre en tres fases: primeiro, non; logo voume despois intento rebentalo desde fóra”, afirmou.
Rueda lembrou que o BNG concorreu ás eleccións autonómicas “defendendo a independencia de Galicia e o monolingüismo en galego”, mentres o PP defendía “o contrario”, e subliñou que os cidadáns lle deron a maioría absoluta nas urnas. Nesta conxuntura, o presidente remarcou que Galicia “non é nacionalista nin independentista”, senón unha terra “orgullosa da súa lingua e da súa cultura”. “Galicia é orgullosamente libre e orgullosamente bilingüe”.
O presidente concluíu acusando ao Bloque de “secuestrar o galego para facelo seu antes que facelo de todo o mundo”.
López Campos anuncia que presentará en xuño a revisión do Plan de Normalización
A Xunta presentará o próximo mes de xuño o documento que recolle a actualización do Plan Xeral de Normalización Lingüística, un dos “piares fundamentais” do Pacto pola Lingua impulsado polo Executivo autonómico.
Así o anunciou onte o conselleiro de Cultura, José López Campos, en resposta a unha interpelación do grupo socialista no Pleno do Parlamento, durante a que incidiu en que, tomando como base esta nova proposta, “ábrese un novo escenario para acadar medidas fundamentais para a lingua”. O representante do Goberno galego lembrou que “desde o principio” a Xunta “tivo a man tendida á participación neste proceso polo ben do galego”, no que se involucraron “sempre os grupos parlamentarios que así o quixeron”.
Nese sentido, destacou que a renovación do plan é resultado do traballo de 11 comisións de expertos en diversas materias que durante os pasados meses realizaron máis de 400 contactos e recolleron 1.400 propostas, incluídas as achegas da sociedade a través dun buzón virtual. Ademais, durante a intervención, López Campos fixo fincapé noutras medidas desenvolvidas a favor da lingua mentres se traballaba paralelamente na actualización do Plan de Normalización, “para fomentar e prestixiar o idioma en moi diversos campos e sectores profesionais”.
Referiuse así aos 100 cursos de cultura e lingua galegas que se puxeron en marcha para persoas procedentes de fóra de Galicia, nos que participaron máis de 1.500 persoas, e aos que se suman outras propostas formativas en ámbitos moi específicos como a sanidade, a administración ou a xustiza.
López Campos lembrou que no 2025 se desenvolveron, por primeira vez, as probas Celga en liña, para as que se recibiron máis de 600 solicitudes, avanzando deste modo no obxectivo de chegar a máis persoas.
Tamén destacou a colaboración da Xunta nas actividades de dinamización da lingua que se desenvolven en ámbitos escolares.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último