A Real Academia Galega aproba a proposta de ingreso de María Xosé Queizán como académica de honra
María Xosé Queizán ingresará na RAG proximamente como académica de honra nunha cerimonia na que dará lectura ao seu discurso de entrada na institución
O pleno da Real Academia Galega aprobou na tarde de onte o ingreso de María Xosé Queizán (Vigo, 5 de febreiro de 1939) na institución como membro de honra. A escritora, a voz que puxo os alicerces do pensamento feminista en Galicia, conta cunha sólida traxectoria que abrangue todos os xéneros: narrativa, teatro, poesía e unha vizosa produción ensaística na que afondou cunha ollada sempre propia en campos ben diversos, desde a sociolingüística, formulando a relación entre a discriminación das mulleres e da lingua galega, á necesaria conciliación das ciencias e das humanidades. A produción literaria de Queizán constrúese en simbiose permanente coa faceta activista, na que abriu camiños e teceu redes arredor de espazos como a revista Festa da Palabra Silenciada (1983-2014), da que foi promotora e directora.
Na sesión plenaria celebrada no pazo municipal de María Pita, foi tamén elixido membro correspondente o escritor, xestor e xornalista cultural e docente Pere Tobaruela (Barcelona, 1965).
María Xosé Queizán ingresará na RAG proximamente como académica de honra nunha cerimonia na que dará lectura ao seu discurso de entrada na institución. A relevante relación coas letras da autora que valora este recoñecemento xermolou na infancia, na biblioteca do pai, o avogado republicano José Queizán, finado na batallo do Segre seis meses antes do seu nacemento. Lectora apaixonada, colaborou sendo aínda adolescente co xornal El Pueblo Gallego, onde entrou en contacto co periodismo vigués pero, desencantada coa profesión nos tempos da ditadura, desbotou converterse en xornalista. Naquela época implicouse na posta en marcha do Teatro Experimental da Asociación da Prensa de Vigo, estreitando un vínculo coas artes escénicas que tamén cultivou como dramaturga.
A comezos dos anos 60 pasou unha tempada en París. Naquela estadía, enormemente enriquecedora a nivel vital e intelectual, Queizán forxou, segundo os postulados do Nouveau Roman, á súa primeira novela, A orella do buraco (1965), unha das revelacións da Nova Narrativa Galega. Tras debutar como escritora con este título con só 26 anos, comezaría unha pausa como escritora de máis dunha década que remataría coa súa separación matrimonial. O seu segundo libro e primeiro ensaio, A muller en Galicia. A muller na sociedade galega. A lingua e a muller: análise estrutural de dous feitos represivos (1977) é un traballo pioneiro do feminismo en Galicia e tamén unha das primeiras contribucións á sociolingüística galega, na que sostén que “a muller tamén necesita a normalización”. O volume péchase cunha reflexión comparativa na que advirte que unha situación represiva pode “provocar fenómenos paralelos, alienantes e nocivos, na muller e nos galegofalantes”.
Naquela altura dos anos 70, Queizán participou na constitución da Asociación Galega da Muller ou Feministas Independentes Galegas, colectivo que a partir do ano 1983 editou a revista Festa da Palabra Silenciada, da que foi directora. En 1978 licenciouse en Filoloxía Galego-Portuguesa e comezou a exercer como docente de secundaria de Lingua e literatura galegas.
O terceiro libro da académica de honra electa foi de novo un ensaio, Recuperemos as mans (1980), unha análise na que compara a situación das mulleres en calquera sociedade coa dos escravos e reivindica a dignidade do traballo manual, feito maioritariamente por elas, afondando no debate do dualismo mente-corpo. A saída do prelo da obra foi para autora un duro golpe pola ausencia de reacción que a rodeou, un silencio que Queizán denuncia que seguiu a padecer moito tempo nunha sociedade machista.
Como ensaísta escribiu tamén Evidencias (1989) —onde volve á sociolingüística e, falando da diglosia, afirma que “a lingua galega podería pór no documento de identidade: de profesión os seus labores, como as mulleres”—, Escrita da certeza. Por un feminismo optimista (1995), o desmitificador Misoxinia e racismo na poesía de Eduardo Pondal (1998), Racionalismo político e literario.
Conciliar as Ciencias e as Humanidades (2004); Anti natura (2008), Mary Wollstonecraft Shelley e a súa criatura artificial (2011), Rosalía de Castro e o poder sexual (2017) e Despoxos e vísceras ilustres (2019).
Como narradora, tras o seu debut no 65 volveu publicar nos anos 80. En Amantia (1984) presenta unha novela histórica ambientada na Gallaecia de Prisciliano na que a protagonista forma parte dun círculo de mulleres ilustradas; con A semellanza (1988) volveu ser pioneira, desta volta no tratamento na literatura galega da homosexualidade e a transexualidade; e c’O segredo da Pedra Figueira (1989) puxo o foco no público xuvenil. Con Amor de tango (1992) iniciou a escrita novelada sobre a historia da súa cidade, partindo dos anos da II República e da represión franquista, que continuou con Ten o seu punto a fresca rosa (2003), ambientada nos anos 70 e 80. O solpor da cupletista (2003), sobre a Bela Otero; Meu pai vaite matar (2011), unha novela de intriga e viaxes; A boneca de Blanco Amor (2014), onde mestura ciencia e literatura, ensaio e ficción; e Son noxento (2015), na que está presente a violación e o incesto, son outras das súas obras como narradora, ás que hai que engadir o volume de relatos Sentinela, alerta! (2002) e a biografía Emilia Pardo Bazán. Unha nena seducida polos libros (2014). No ano 2018 publicou as súas memorias, Vivir a galope.
Como poeta, Queizán é autora serodia. Sempre situada na racionalidade, non empezou a cultivar en serio este xénero ata que se decatou que podía escribir poesía como escribía ensaio. O seu primeiro poemario, Metáfora da metáfora (1991), que inaugurou a editorial Espiral Maior, é unha reflexión sobre a palabra literaria como forma de poder. Prosegue con ela en Despertar das amantes (1993), onde ofrece poemas conceptuais sobre a escrita e o tempo xunto a máis de vinte sobre o amor lesbiano; e en Fóra de min (1995) desenvolve unha alegación contra a discriminación e a opresión na que afonda nos conceptos da alteridade e da outredade.
Os tres volumes foron recollidos en Non o abras como unha flor (Poesía reunida. 1980 -2004), que tamén inclúe o ata o momento inédito Lei do mercado e outros poemas soltos. Xa co novo século, a Queizán poeta publicou Cólera (2007), onde berra a rabia provocada pola represión dos últimos anos do franquismo, e Lesbiar (2015).
Como dramaturga, escribiu a traxedia Antígona, a forza do sangue —finalista do Premio Álvaro Cunqueiro— , Cartuxeiras e a comedia Neuras, reunidas nun volume editado en 2008. Escribiu tamén dous guións cinematográficos: Con hoxe e con mañá (1977), premiado pola organización Nós, e Prisciliano (1984), premiado pola Xunta de Galicia; e cultivou a tradución, vertendo ao galego contos a novela Ana, soror... de Marguerite Yourcenar e relatos da mesma autora, Karen Blixen, Charlotte Perkins ou Emilia Pardo Bazán.
Entre outras distincións, foi nomeada socia de honra da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) e recibiu os premios Voz da Liberdade (2011) do PEN Club de Galicia, da Irmandade do Libro (2013), Otero Pedrayo (2018), o de Igualdade Ernestina Otero do Concello de Vigo (2019) ou o Laxeiro (2024). A Real Academia Galega dedicoulle o pasado martes o Día da Poesía, unha celebración no seu Vigo natal na que autoras e autores de distintas xeracións leron versos da súa autoría e que rematou coa propia Queizán cantando, no escenario xunto a Uxía, “Non, je ne regrette rien”.
Pere Tobaruela, académico correspondente
O pleno da RAG elixiu tamén na tarde de onte o escritor, xestor e xornalista cultural e docente Pere Tobaruela Martínez (Barcelona, 1965) novo académico correspondente. Licenciado en Xeografía e Historia pola Universitat de Barcelona, reside en Galicia desde hai máis de dúas décadas. En 2007 debutou como autor en galego co título Cos ollos de neno, o primeiro de máis de medio cento de libros na súa lingua de adopción, dirixidos sobre todo ao público infantil e xuvenil. Na actualidade é secretario técnico da Asociación Galega de Literatura Infantil e Xuvenil (GALIX).
Entre outras obras, é coautor da novela Mortos de ningures, gañadora do Premio Frei Martín Sarmiento para o primeiro ciclo da ESO en 2013, e escrito en colaboración con Ledicia Costas, con que tamén levou ao prelo, baixo o pseudónimo Pereledi, Desaparizión (2011), Letras de xeo (2012) e Ouro negro (2013); e autor de Catro pedras vellas, que mereceu tamén o Premio Frei Martín Sarmiento, na categoría de 3º e 4º de primaria, en 2018; e Auga de lume, Premio de Literatura Infantil e Xuvenil Meiga Moira en 2018. É ademais o creador da serie Formig4s, ata o momento con oito títulos que van da Misión París (2014) á Misión Samaín (2025); escribiu, xunto á académica Ana Boullón, e con ilustración de Andrés Meixide, cinco dos títulos da colección Branco de Cores, sobre os segredos de Santiago de Compostela; e publicou co mesmo ilustrador para La Voz de Galicia a colección Camiño, conto a conto (2010), concibida para achegar o público máis novo aos camiños de Santiago.
En galego, Pere Tobaruela ten tamén publicado a banda deseñada O encanto da Pedra Chá (2013) e, co heterónimo Lea Tobery, as novelas xuvenís Resurrección (2011) e Vapor (2014) . Alén da LIX, colabora con artigos e entrevistas en distintos medios de comunicación galegos e cataláns.
En catalán, é autor dunha ducia de libros, entre eles Okorobikó. Biografia de Jordi Sabater Pi (2003), sobre o primatólogo que foi o pai científico do gorila albino coñecido como Floquet de Neu (Copito de Nieve en castelán). Con Sabater Pi publicou tamén dous dos seus ensaios de temática científica: Floquet per sempre. El gorilla blanc vist pel seu descobridor (2003) e Etologia. Cap a la desmitificació de l’home (2004).
Pere Tobaruela compaxina a súa carreira literaria e a xestión cultural co mundo deportivo. Apaixonado de distintas disciplinas, do atletismo ao fútbol gaélico, na actualidade é adestrador profesional de fútbol con titulación da UEFA especializado en equipos femininos séniors galegos.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último