A RAG engade cen novas palabras ó Dicionario: antiincendios, pataqueiro ou bochinche
Entre as novidades destacan termos tradicionais, neoloxismos e palabras vinculadas á ciencia e cultura
O Dicionario da Real Academia Galega (RAG) continúa a súa actualización constante e acaba de incorporar un cento de novas voces, ampliando e enriquecendo o léxico da lingua galega.
Entre as novas entradas destacan termos que completan familias de palabras xa existentes, como antiincendios, bucinada, descifraxe, estudantado, polifacetismo, parafusería, postergación ou posvenda, así como nomes de lugares de ocio e cultura como ludoteca, enoteca e viñoteca.
A actualización tamén recolle voces tradicionais que reflicten o patrimonio cultural galego, como bochinche, eis, naipelo, pataqueiro, poma ou rianxo, así como expresións populares como a descomán e a sabendas. Ademais, engádense termos recentes ou popularizados, como autofoto, conurbación, dina, feísmo ou surfear, xunto co xentilicio gazano, -a.
No ámbito da ciencia e a investigación, as novidades inclúen termos como audioloxía, bolboretario, grampositivo, gramnegativo e galeguística.
O Seminario de Lexicografía da RAG, coordinado polo académico Manuel González, traballa permanentemente na revisión e actualización do Dicionario en liña, dispoñible gratuitamente en academia.gal/dicionario. Este labor non só incorpora novos termos e neoloxismos, senón que tamén completa familias de palabras, facilitando a resolución de dúbidas ortográficas, como ocorre co termo adictivo, que se distingue de aditivo.
Actualmente, o Dicionario da RAG conta con máis de 58.000 entradas e é unha ferramenta fundamental para usuarios e estudosos da lingua galega. Cada mes, a versión web e a aplicación reciben arredor de tres millóns de consultas, o que evidencia a súa relevancia para a comunidade galegofalante e para a preservación e difusión do galego.
Contenido patrocinado
También te puede interesar