O público e o privado únense na homenaxe a Xela Arias
vigo
As novas tecnoloxías súmanse ás canles tradicionais para difundir o legado da poeta das Letras Galegas 2021 nun programa de máis de 40 actos e catorce publicacións
A Real Academia Galega, como principal promotora, co apoio do Consello Galego da Cultura, de Xunta de Galicia, do Concello e da RTVG, vén de presentar a programación con motivo das Letras Galegas no IES Castelao, onde cursou o bacharelato Xela Arias, a poeta homenaxeada. Serán máis de 40 iniciativas, coa implicación do público e do privado, espalladas por toda Galicia, de xeito presencial e virtual.
Vigo, como cidade na que medrou, vivíu e desenvolveu a súa laboura literaria, acollerá os actos centrais. “É importante que sexa en Vigo o espazo social onde lancemos ao mundo a obra de Xela, que é breve, pero intensa; tiña que ser aquí, xa que era a capital cultural galega nos seus anos de creación, os 80”, apuntou Víctor Freixanes, presidente da RAG, quen destacou a aposta que farán polas novas tecnoloxías como adaptación á situación actual: “Xa comprobamos que conta cunha moi boa resposta social”.
Así, o Auditorio Mar de Vigo acollerá o 17 de maio a sesión plenaria extraordinaria e pública da RAG na que haberá intervencións sobre a vida e obra de Xela. Emitirase en directo por academia.gal. Ese día, Política Lingüística proxectará en 25 edificios de toda Galicia un vídeo mápping sobre a autora.
Na véspera, o 16, o Consello da Cultura Galega organizará tamén en Beiramar o Concerto das Letras coa actuación PicoAmperio e Laura LaMontagne que darán un repertorio composto para a ocasión.
Dende o Concello desenvolverán dúas iniciativas máis: a colocación dunha placa conmemorativa na casa familiar en Vigo, na rúa Zamora e editarán 15.000 dípticos para repartir entre os escolares coa reproducción da redacción “O meu pobo (é Vigo)” que Xela escribíu con 9 anos e que foi localizada nos fondos da Fundación Penzol.
As propostas da Xunta desenvolvidas na cidade engloban distintos proxectos expositivos itinerantes: A biográfica “Xela Arias. Asinamos ser libres” clausúrase na delegación territorial en xuño e a fotográfica “Tigres coma cabalos” inaugurarase no Museo do Mar. Amais, dentro das mostras que terán lugar na rede de bibliotecas públicas, a Juan Compañel organiza “Xela Arias: o compromiso dunha voz” e “Na fraga dos paxaros faladores”.
A cargo de oito editoriais (Cadernos Ramón Piñeiro, Consello da Cultura Galega, Galaxia, Xerais, Laiovento, Baia, Bolanda Edicións e Ir Indo) saíron catorce novas publicacións do prelo entre biografías, redicións e un inédito “Non te amola”.
No ámbito educativo, a programación oficial fará un esforzo especial. A RAG presentou a súa actividade online Primavera das Letras no CEIP de Sárdoma, onde estudou Xela. Tamén haberá concursos sobre a súa obra, de narración, de podcasts de radio, de bandas deseñadas, de debuxo, de rap o de fotografía, pero tamén unha carreira. Dende os Equipos de Dinamización da Lingua Galega propoñen unha serie de recursos para traballar nas aulas con rapaces.
Sobre a súa figura e a súa obra se organizarán unha xornada virtual para profesorado, a cargo da Consellería de Educación; a RAG promove un simposio en novembro e Cultura xunto a O Arquivo das Trasnas desenvolveron este mes unhas xornadas literarias no Pazo de San Roque, en Santiago.
A programación completarase con espazos na TVG e tamén na internet como no portaldaspalabras. gal, academia.gal, consellodacultura.gal e lingua.gal. A Banda da Loba presentará en abril o EP “Hasme oír” con poemas de Xela; Fernando Abreu, Pablo Carrera e Iolanda Zúñiga reinterpretarán a súa obra en directo. Documentais, pilulas audivisuais (#unhapalabraparaXelaArias), o libro disco “O equilibrio dos tigres”, o videoclip “Tigres como cabalos” e a versión dos seus versos en jazz no teatro Colón da Coruña forman parte dunha programación, que aínda non está pechada.
Empresas privadas como Renfe Viajeros, Gadisa, Velgasa-Eroski e Feiraco tamén se implicarán con iniciativas propias en homenaxe a Xela Arias.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último