Proxecto de catro anos para a investigación no eido sanitario

A Xunta e as tres universidades públicas galegas firman un concerto de 21,5 millones ata o 2030

Reunión semanal do Consello da Xunta.
Reunión semanal do Consello da Xunta. | Atlántico

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou onte que o Consello da Xunta aprobou un concerto único entre o Sergas e as tres universidades públicas galegas cun investimento de 21,5 millóns ata o ano 2030. Este novo modelo unificado substitúe os anteriores acordos anuais individualizados. O convenio regula o uso de hospitais e centros de saúde para a docencia, o desenvolvemento de proxectos de investigación conxuntos e a vinculación directa de prazas asistenciais con prazas docentes. Ademais, este acordo permite dar cumprimento á descentralización do grao de Medicina.

Coa implementación deste novo modelo de carácter unificado, o Goberno galego substitúe os anteriores acordos anuais e individualizados que o Sergas viña asinando con cada unha das universidades e que se estaban prorrogando de maneira sucesiva desde o ano 2001. Deste modo, “achégase unha visión integral e a longo prazo á colaboración entre as institucións sanitarias e as educativas”, sustentada por un orzamento estimado de 5,3 millóns de euros anuais, segundo explicou a Xunta nun comunicado.

En termos prácticos, este concerto regula detalladamente o uso das instalacións do Sergas -tanto hospitais como centros de saúde- para finalidades docentes e de investigación universitaria.

Marco

Así mesmo, establece o marco normativo para o desenvolvemento conxunto de novos proxectos de investigación e a vinculación directa das prazas de carácter asistencial coas prazas docentes, ordenando así o persoal implicado, o que inclúe o profesorado asociado do ámbito das Ciencias da Saúde.

Outro dos fitos fundamentais desta medida é que permite dar cumprimento efectivo ao convenio asinado o pasado mes de xaneiro para lograr a descentralización do grao de Medicina. O acordo regula o emprego dos hospitais e centros de saúde para a docencia e establece a vinculación directa das prazas asistenciais coas prazas docentes, ordenando así a todo o persoal implicado, incluíndo o profesorado de Ciencias da Saúde.

Unha web para produtos fóra do consumo habitual no mercado

Rueda anunciou que a Xunta porá á disposición dos produtores unha plataforma web onde poderán subir aqueles produtos que non conseguiron vender ou son “imperfectos” por non cumprir cos estándares de forma, tamaño ou cor que establece o mercado, para que sexan adquiridos “por comedores colectivos”.

Segundo explicou, esta será unha das medidas da Estratexia de prevención de perdas e loita contra o desperdicio alimentario en Galicia que porá en marcha o Goberno galego para reforzar o labor que xa se viña desenvolvendo neste eido desde a Xunta. Esta estratexia comezará a elaborarse neste 2026 e as diferentes accións que recolle desenvolveranse a curto-medio-longo prazo.

A través desta ferramenta, agricultores e gandeiros poderán anunciar produtos que non lograron comercializar ou que, malia manter todas as súas condicións de calidade e seguridade alimentaria, non cumpren os estándares estéticos habituais do mercado en aspectos como o tamaño, a forma ou a cor.

Estes alimentos poderán ser adquiridos por comedores colectivos, favorecendo así o seu aproveitamento e evitando que rematen convertidos en residuos. A iniciativa busca reducir as perdas na orixe da cadea alimentaria, ao tempo que facilita o acceso a produtos de proximidade para centros con servizos de restauración colectiva. Deste xeito, a Xunta pretende fomentar unha economía máis circular e sostible, xerando novas oportunidades para os produtores e contribuíndo a diminuír o desperdicio alimentario en Galicia.

A iniciativa, da que tomou razón o Consello da Xunta a través dun informe da Consellería do Medio Rural, inclúe unha serie de medidas para controlar o desperdicio que se produce en todos os ámbitos da cadea alimentaria, explicou a conselleira, María José Gómez.

Contenido patrocinado

stats