“Precisamos unha lei de emprego, Vigo é unha das cidades con maior paro e precariedade”
EVA SOLLA Cabeza de lista de Galicia en Común pola provincia
Enfermeira de profesión e dirixente de Esquerda Unida en Galicia desde 2017, sucedendo a Yolanda Díaz. Eva Solla (Vigo, 1984) acumula dúas lexislaturas como deputada no Parlamento de Galicia, nesta última como vicepresidenta segunda da cámara. Desta vez, a viguesa lidera a candidatura provincial de Galicia en Común.
Como afronta esta nova convocatoria de eleccións?
Esta campaña é atípica. Feijóo adiantou as eleccións e chegou esta crise, modificando as campañas e o contido. Á reconstrución propia dos once anos de Feijóo súmase a reconstrución económica e social por mor do coronavirus.
Como mudou esta campaña dende a prevista para o 5 de abril?
As necesidades son as mesmas pero agora temos unha situación non prevista. Nos once anos de Feijóo destruíronse 54.000 postos de traballo, pero esta crise económica e social precisa de máis medidas se cabe. Hai unha clara necesidade de mudar este goberno para ter un que pense nas políticas sociais e non deixe quedar a ninguén atrás.
Esperan que o Goberno en coalición impulse os seus resultados?
O traballo que se está facendo desde Madrid é importante. Un goberno de recente constitución tivo que facer fronte a unha grave crise económica, sanitaria e social. As medidas que adoptaron os ministros e ministras de Unidas Podemos como o ingreso mínimo vital ou os ERTE foron claves para amortiguar un impacto moi grave. Apoiamos esas medidas e hai capacidade para tomar medidas nesa liña de carácter social, cunha renda que vaia máis ala da Risga e medidas de carácter laboral.
Como enfermeira, que opina da xestión sanitaria durante a pandemia?
Nefasta. En realidade hai un deterioro evidente, sobre todo en Atención Primaria, pero tamén nos hospitais. Só o 62% do persoal ten praza fixa e o resto vive unha situación precaria, con moita mobilidade noutros centros. Foi un risco epidemiolóxico porque non houbo persoal suficiente nin medidas preventivas. Reclamamos unha sanidade pública. É unha das principais eivas do goberno de Feijóo.
Que puntos son esenciais para Galicia en Común no tocante a Vigo?
Vigo ten a área sanitaria con maiores listas de agarda. Hai que volver a replanificar a Atención Primaria e a Hospitaria, dotándoas con recursos suficientes. En materia laboral, necesitamos unha Lei de Emprego porque Vigo é unha das cidades con maior paro e precariedade. Sendo unha competencia autonómica non se executaron 135 millóns de euros en políticas activas de emprego. Non é normal. Tamén en materia industrial necesitamos que a Xunta teña unha participación activa nas políticas industriais. Vemos peches contínuos, témolo visto con Vulcano.
Están dispostos a formar parte un Goberno de coalición, desta vez en Galicia?
Imos traballar para que non volva haber un goberno de dereitas, un goberno do Partido Popular. Estamos a plena disposición para dialogar. Paga a pena.
Contenido patrocinado
También te puede interesar