O PP apela á “Galicia de todos” pola véspera do 25 de xullo
Rueda defendeu os valores dun pobo “humilde, traballador e de futuro”, no mirador de Bocarribeira
O miradoiro de Bocarribeira, en Amoeiro, foi o escenario escollido onte polo Partido Popular para iniciar as celebración do Día de Galicia. Nun acto encabezado polo titular da Xunta, Alfonso Rueda; o presidente provincial, Luis Menor; e a candidata á alcaldía de Ourense, Ana Méndez, os populares lanzaron unha mensaxe de unidade, destacando a necesidade de construír un futuro baseado na xestión e no orgullo da identidade galega.
Alfonso Rueda centrou a súa intervención en defender a lingua e a historia como un patrimonio “de todos os galegos e galegas, sen excepcións, nin exclusividades por moito que algúns queiran impoñelas”. Neste senso, enxalzou a un pobo “humilde, traballador, unido, aberto, moderno e cheo de futuro”. Lembrouse de Otero Pedrayo, responsable de dar nome ao lugar onde se celebrou o acto. “Perdura o orgullo pola Galicia que coida a terra e o mar, que protexe a súa lingua”, sinalou o presidente, malia que resaltou que dende a época do escritor tamén cambiaron moitas cousas.
Rueda presumiu de fitos na xestión, destacando o futuro centro de protonterapia, a educación gratuíta de 0 anos ata a universidade, e a chegada da multinacional SAIC, que cualificou como “o maior investimento estranxeiro do século”. O líder galego puxo o foco no Xacobeo 2027 para amosar unha comunidade que hoxe “compite sen complexos a nivel internacional”.
Dende ourense para galicia
Pola súa banda, Luis Menor apoiouse no valor de Otero Pedrayo e a Xeración Nós para reclamar o papel do interior na modernización de Galicia. O presidente provincial asegurou que “levantamos en alto esa bandeira da reivindicación do noso” para defender unha provincia “leal a Galicia, pero exixente”. Ademais, advertiu que o vindeiro ano “vannos examinar e nós temos que demostrar que cumprimos” coa confianza da cidadanía.
O acto tamén serviu como escaparate para Ana Méndez, que agradeceu ser “a primeira muller do Partido Popular que se presenta como candidata á alcaldía de Ourense”. A popular defendeu que “Ourense nunca tivo un problema de identidade nin de talento”. Nese senso, chamou a “rematar xa con este espectáculo no que vivimos permanentemente” para abrir unha etapa que deixe atrás “a improvisación, as escusas e o ruído”. O seu obxectivo, concluíu, é “volver falar do que realmente importa: da xestión, dos proxectos, das oportunidades e das persoas”. A cita contou tamén coa presenza da secretaria xeral, Paula Prado; o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e outros membros do partido. O broche de ouro púxose co himno de Galicia.
Contenido patrocinado
También te puede interesar