O Parlamento de Galicia entregará este luns a súa Medalla de 2026 a nove deputadas

Elisa Madarro e Pilar Pedrosa recibirán a título póstumo a distinción outorgada pola Mesa do Parlamento

As deputadas homenaxeadas polo Parlamento de Galicia.
As deputadas homenaxeadas polo Parlamento de Galicia. | Atlántico

A entrega da Medalla do Parlamento de Galicia 2026 realizarase este luns 6 de abril. As homenaxeadas nesta edición son as nove deputadas autonómicas da IV Lexislatura que participaron na IV Conferencia Mundial da Muller celebrada en Beijing en 1995, así como a exconselleira e deputada Manuela López Besteiro. 

O acto terá lugar no Pazo do Hórreo este luns, coincidindo co 45 aniversario da promulgación do Estatuto de Autonomía de Galicia. Supón o recoñecemento institucional e público da súa labor pioneira e o seu compromiso a prol das políticas de igualdade.

As deputadas María Xosé Ares Casal, María Teresa Fernández Piñeiro, Pilar Pedrosa González de Castejón, María Fernanda Cerviño Villaverde, Elisa Madarro González, do Grupo Popular; María Xosé Porteiro García, María Antonia Álvarez Yáñez, do Grupo Socialista; e María Pilar García Negro e Olaia Fernández Dávila, do Grupo do Bloque Nacionalista Galego, viaxaron ata Beijing para participar na devandita Conferencia, a maioría delas pertencentes á primeira Comisión Parlamentaria para a Igualdade e os Dereitos das Mulleres. Elisa Madarro e Pilar Pedrosa recibirán a título póstumo a distinción outorgada pola Mesa do Parlamento.

En 1995 as devanditas deputadas viaxaron a Beijing para defender na IV Conferencia Internacional da Muller a declaración conxunta aprobada por unanimidade na Comisión para a Igualdade e os Dereitos das Mulleres que avogaba pola supresión lexislativa de toda discriminación que obstaculizase o acceso das mulleres a calquera posto laboral, profesional ou político.

Pioneiras

Con posterioridade, o 25 de outubro de 1995, o Parlamento galego ratificou por unanimidade o acordo da Comisión para a Igualdade relativo á Declaración Parlamentaria de Beijing, coa vontade de que se traducira en medidas cara a solucionar os problemas de discriminación e exclusión social das mulleres. Deste xeito, Galicia converteuse na primeira comunidade en aprobar a axenda de Beijing.

A Comisión para a Igualdade, creada en 1994, converteu ao Parlamento de Galicia pioneiro en dotarse dun foro parlamentario polo que pasaron moitas asociacións de amplos sectores da sociedade, e que permitiu radiografar, amplamente e sen filtros ideolóxicos, as necesidades das mulleres galegas

A Medalla do Parlamento 2026 tamén recoñece o traballo da exconselleira e deputada Manuela López Besteiro, do Grupo Popular, que impulsou, xa na III Lexislatura, a creación na Xunta de Galicia dunha Dirección Xeral dedicada á promoción da igualdade de homes e mulleres. Este departamento levou a cabo programas de acción positiva para as mulleres galegas como o fomento do emprendemento feminino, o asociacionismo, especialmente no rural, e accións de concienciación e loita contra a violencia de xénero.

Contenido patrocinado

stats