Pandereita para resistir

Leilía naceu nos anos 80 da man de seis mulleres unidas pola pandeireta e polo desexo de recuperar as voces silenciadas. Pioneiras na dignificación da música tradicional, o grupo sente recoñecido o seu labor coa dedicación do Día das Letras Galegas 2024

O grupo de cantareiras galego Leilía ao completo.
O grupo de cantareiras galego Leilía ao completo.

A finais dos 80, seis mulleres “tan diferentes como o día e a noite” uníronse para rescatar do esquecemento ás pandereteiras, mulleres que “salvagardaron” a música tradicional galega malia estar “denostadas”. Así naceu Leilía, grupo pioneiro e referente do folclore galego, que sente recoñecido o seu labor coa dedicación do Día das Letras Galegas ás cantareiras.

“Somos absolutamente dispares. Pero o que si nos vinculaba era ese sentir a raíz”, lembra Rosario. Apostaron por unha música “relegada a un segundo plano”, pero tiñan claro que “a xente tiña que coñecer de onde viña realmente esa música”, di Felisa. A súa proposta naceu das recollidas que facían en aldeas, onde entrevistaban mulleres maiores para aprender as súas cantigas. Alí atoparon tesouros agochados en gravacións que non querían deixar esquecer. “Sempre tiveron a ben abrirnos as portas non só da súa casa, senón tamén da súa memoria”, conta Felisa.

O que comezou como encontros dominicais acabou converténdose nun proxecto musical sólido. O seu primeiro disco, Leilía, foi o máis “etnográfico” e púxoas no foco cultural. “Subímonos aos palcos defendendo a pandeireta e a voz”, destaca Rosario. Para elas, ese paso foi “valente” e necesario, nun tempo no que esa música apenas tiña espazo.

Recoñecen a súa achega ao boom actual da música de raíz, pero lembran que outras antes lles abriron camiño. “É un orgullo saber que formas parte de todo ese camiño”, afirma Felisa, que destaca o papel das asociacións culturais, que mantiveron viva a música e o baile tradicional nos anos máis difíciles.

Considéranse “un banzo dunha escaleira” que segue a medrar. “Galicia recoñece a pandeireta como propia” e hoxe moitos se senten orgullosos de tocala. Na escola, din, xa é normal que os nenos leven pandeiretas e canten pezas tradicionais. Pero tamén destacan o interese das xeracións de 20, 30 ou 40 anos, que están a recuperar con entusiasmo ese legado. “Eses nenos que nazan nesa casa, desde pequenos, van escoitalas como antigamente facíase”.

E agora, aseguran, hai espazos, medios e festivais que permiten que esta música chegue a máis públicos. A tradición, din, “non é unha moda”, senón unha parte viva do que somos. E Leilía, con máis de tres décadas de traxectoria, segue a formar parte dese son colectivo que medra con cada xeración.

Contenido patrocinado

stats