O pacto pola lingua comeza as negociacións sen o Bloque
López Campos pide aos nacionalistas que muden a súa “actitude” e se sumen ao proceso
“O primeiro que teñen que facer é dar un paso adiante, cambiar a súa actitude e incorporarse ao proceso de diálogo. A min non me cabe ningunha dúbida de que, unha vez estean dentro dese proceso e teñamos un traballo honesto arredor deses acordos, o presidente da Xunta reunirase cos representantes das formacións políticas para pechar un gran acordo de país pola lingua”, dixo onte o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, emprazando ao BNG a se sumar ás negociacións do pacto pola lingua.
Mentres, no Parlamento, representantes do PPdeG, do PSdeG e de DO iniciaban cunha reunión os primeiros contactos para analizar a proposta de actualización do Plan Xeral de Normalización Lingüística de 2004 presentado a semana pasada pola Xunta.
O día anterior, Ana Pontón, a portavoz nacional do Bloque, tiña pedido unha reunión “ao máis alto nivel” co presidente da Xunta, Alfonso Rueda, como pórtico dos traballos. “Este é un plan do Goberno, por iso esperamos que Rueda acepte a proposta e deixe de esconderse neste asunto”, manifestara Pontón ao tempo que a portavoz parlamentaria dos nacionalistas, Olalla Rodil, insistía en que a proposta do BNG era una reunión “bilateral” entre Rueda e Pontón.
Mais o PSdeG si acudiu á convocatoria dos grupos no Parlamento. E ao remate do encontro, a socialista Silvia Longueira asegurou que o seu grupo ten a intención de facer as achegas que entenden que poden mellorar o texto, así como “ampliar e analizar en profundidade o documento”.
Abandono voluntario
O responsable autonómico de Lingua, José López Campos, lamentou o que, ao seu xuízo, foi unha “oportunidade perdida” por parte do Bloque, que, segundo lembrou, “abandonou de forma voluntaria este proceso hai ano e medio”. Neste sentido, insistiu en que, até que conclúa o proceso actual de negociación, teñen a porta aberta para reincorporarse.
López Campos considera que o Bloque se descolgou deste proceso cunha “escusa de mal pagador”, en referencia ao cara a cara entre Pontón e Rueda, e que “non está en condicións de esixir”. Deste xeito, emprazouno a incorporarse ás negociacións. “Unha vez dentro, esa situación producirase”, precisou.
Un esforzo
Antes de que rematase o encontro celebrado no Parlamento de Galicia, tamén se pronunciou sobre este asunto o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deporte, Diego Calvo, quen se reafirmou en que o foro para debater a proposta de actualización do Plan de Normalización debe ser o Parlamento. Tamén insistiu na necesidade de acadar “o máximo consenso posible”. A proposta da Xunta baséase “nun plan participativo e con 700 medidas que abranguen todos os ámbitos da sociedade e contan cun foco especial na integración lingüística da mocidade galega e na presenza do idioma na revolución tecnolóxica”, lembrou.
Agora, os grupos volveranse a reunir o vindeiro martes, 28 de xullo, no Pazo do Hórreo, coas primeiras achegas ao documento.
“O galego está minorizado”, di o PSdeG, que si acudiu á reunión
Os grupos parlamentarios galegos fixaron no Parlamento de Galicia as súas posturas arredor do documento de traballo sobre o futuro da lingua galega. A deputada socialista Longueira subliñou que os seus deputados analizarán o texto para elaborar un plan de acción por áreas entre agosto e setembro, tras recoller achegas con asociacións de Galicia. Cuestionada sobre o decreto do plurilingüismo, a parlamentaria remarcou que a norma actual non ten sentido porque “o galego é unha lingua minorizada e non pode ir de punto de partida con outras liñas como o castelán”. Longueira, que si estivo na negociación, sinalou que o texto debe garantir a protección da lingua e cumprir os estándares europeos.
Pola súa banda, a deputada do Grupo Popular Carmen Pomar reivindicou que a súa formación está “aberta” a reunirse “as veces que faga falta” para avanzar “no consenso”. Pomar explicou que se trata dun documento de traballo aberto a suxestións e matizacións dos demais grupos, elaborado tras moitas horas de labor. A representante popular defendeu que a proposta se debata na Cámara canto antes para que os departamentos autonómicos poidan iniciar accións concretas, ao tempo que convidou ao grupo nacionalista a integrarse nestas reunións e diálogos.
Desde o BNG, Noa Presas defendeu a decisión do seu grupo de ausentarse da reunión, censurou ademais a ausencia do presidente da Xunta na presentación do documento da pasada semana e insistiu en que calquera negociación debe ser “ao máis alto nivel”.
Contenido patrocinado
También te puede interesar