o novo hospital de Vigo é un negocio ruinoso, ímolo pagar catro veces
Número 1 do BNG pola provincia de Pontevedra
Carlos Aymerich (Vigo, 1967) é profesor de Dereito Administrativo da Universidade de A Coruña aínda que leva os últimos anos adicado á política no BNG, primeiro no Congreso e agora no Parlamento galego. Sempre se presentara pola provincia da Coruña pero nesta ocasión o fará por Pontevedra. 'Nacín en Vigo e aquí teño á miña familia -explica-. Para min é unha honra e ademáis os meus pais poderán votar por min'.
Cómo vai a campaña? Ten a sensación de que se ven poucas propostas?
Nunha campaña en democracia o que goberna ten que dar contas do que fixo e o PP non o está facendo. Non está explicando como colleu Galicia en 2009 e como está agora. Nós pensamos que está moito peor. Pero é certo que hai moito ruído, moito barullo. Creo que é unha campaña dura porque a xente se decata que, a diferenza doutras veces, é moito o que nos xogamos, non só quen goberna a partir do día 21 senon que modelo de sociedade queremos. Hai unha maioría de galegos e galegas que queren cambiar porque creen que se segue gobernando o PP van pisar o acelerador dos recortes e van considerar esa victoria en Galicia como un cheque en branco para recortar pensións ou liquidar os servicios sociais.
Cre que hai cousas no peto para o día 22?
É evidente. Senon, por que razón habían adiantar as eleccións? Eles non o din agora pero o dirán despois do día 21. Este Goberno xa sabemos que fai o contrario do que dí, non imos subir o IVE, subirono; no imos subir o IRPF, subirono.
Decía nun mitin estes días que cando era neno oía na rúa o de Ascón, solución. Agora é Barreras ou metal, solución. Que pasa coa política industrial en Galicia?
Na dereita hai un adaxio que di que a mellor política industrial é a que non existe. Eles confían no mercado. Pero eso non sucede en ningún país, porque todos os países avanzados protexen a súa industria. En Galicia eso non sucede, empezando polo conselleiro de Industria que ten empresas que fabrican en Portugal. Esta Xunta estivo subvencionando din que a internacionalización, pero o que fan é subvencionar a deslocalización. Qué pasa có naval, que se teñen perdido 12.000 postos de traballo nesta lexislatura. Dos contratos de Pemex prefiro non falar porque o PP pensa que seguimos na época do Nodo e non se decata que calquera cun teléfono móvil pode ler a prensa mexicana.
Que pasará co hospital de Vigo se o BNG chega ó goberno?
Nós imos pedir que se cumpra o contrato, que a empresa non está cumprindo. Polo que sexa non consegue financiación, pero non é un problema do goberno galego, teremos que resolver ese contrato e rescatar ó hospital para unha xestión pública integral. A nós sempre nos pareceu un negocio ruinoso, é como se unha familia para comprar una neveira vai a unha destas empresas que se anuncian na televisión e paga uns intereses do 25%. É que imos pagar o hospital catro veces. Por que é privado? Porque o Sergas vai estar alí alquilado, vai ser inquilino, porque será propiedade máis de vinte anos dunha empresa privada. E calquera modificación dun tabique ou para usar os quirófanos con máis intensidade vai depender da empresa privada. A propia conselleira de Sanidade o recoñeceu o outro día, visitou en campaña as obras e cando lle dixemos que non podía facelo dixo 'e que fun convidada pola empresa. Claro é a propietaria!
E coa Área Metropolitana?
Nós pensamos que ten que haber Área Metropolitana pero non esta. O BNG foi quen impulsou o acordo de Soutomaior no ano 1999. Pero non pode haber un Área sen competencias, sen financiamento e coa Deputación polo medio porque hai que eliminar duplicidades. Vemos que o PP quere introducir un nivel máis de administración sen eliminar ningún dos que existen. A Área está claro que non pode ter só un criterio de poboación, porque sería como unha anexión, pero tampouco que Vigo sendo moito máis da metade da poboación non teña esa representatividade nos órganos de goberno.
Chaman a concentrar o voto nacionalista no BNG pero hai outras dúas forzas. Non era máis sinxelo partir todos xuntos?
Sí, claro que era moito mellor. No BNG houbo unha asamblea, un resultado e a inmensa maioría dos militantes seguimos no Bloque, hai quen marchou. Pero nós dicimos que somos a única alternativa nacionalista e de esquerda con datos. Aquí veu Cayo Lara a facer campaña con Esquerda Unida e dixo algo así de que os galegos son calados e parece que queren dicir pero non se atreven, peor é non ter nada na cabeza e soltar a lingua a paseo, polo que se ve son moi nacionalistas. Doutro lado hai unha forza que está claramente virada á dereita cunha persoa que ven do PP.
Os galegos dixeron hai tres anos e medio que o bipartito non lles servía. Que cre que mudou?
Pois que antes non había que pagar polos libros de texto e agora sí, que antes non había que pagar polas mediciñas e agora sí, que antes había prazas públicas en escolas infantís e centros de día e residencias e agora están privatizadas e hai que pagar moito máis por elas. O PP gañou as eleccións en 2009 falando dun coche e dunhas sillas, o coche está nos garaxes de San Caetano e as sillas están na Cidade da Cultura. A xente escarmentou porque sabe que o PP colle os votos da xente para facer políticas en contra dos seus intereses.
Contenido patrocinado
También te puede interesar