A nova PAU quere reforzar a comprensión lectora en 2027
O modelo de exames dá máis peso a Lingua Castelá e presenta cambios para obrigar a razoar máis
A Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG) publicou este martes os modelos de exame para a PAU de 2027, unha convocatoria que terá como principal novidade cambios no baremo da proba de Lingua Castelá e Literatura, que dará máis peso á parte de Lingua sobre a de Literatura e profundará na análise e comprensión dos textos. En total, son máis dunha trintena de asignaturas entre obrigatorias e optativas que, por regra xeral, seguen un esquema moi similar ao de 2026, con modificacións puntuais que instan aos alumnos a “razoar” máis alá de analizar e que aumentan a extensión dos textos.
Estes cambios fanse patentes especialmente na asignatura de Lingua Castelá e Literatura, a máis afectada polos datos negativos no último informe PISA, onde a comprensión lectora dos alumnos galegos caeu máis de 30 puntos en relación ao anterior informe. Neste exame, incrémentase a puntuación da pregunta de “Comprensión e expresión escritas”, un comentario de texto que pasará a valer 4 puntos fronte aos 3,5 do anterior exame. Ademais, fronte a dúas preguntas, terá tres, xa que os alumnos deberán, ademais de sintetizar e resumir o texto, indicar cal é o seu tema principal.
A pregunta de “reflexión sobre a lingua” tamén pasará de 2,5 a 3 puntos. As preguntas sobre literatura baixan a súa valoración de 4 a 3 puntos. Sete dos dez puntos estarán vinculados á comprensión e expresión escrita e ao coñecemento e análise da lingua, mentres que os tres restantes corresponderán a Literatura.
Textos máis extensos
No caso de Lingua Galega e Literatura, o exame que a CIUG establece para a próxima PAU é case igual ao do ano anterior, aínda que introduce novos apartados no ámbito de comunicación e pide aos alumnos un resumo do texto proposto algo máis extenso que en edicións anteriores. En Lingua galega, ademais, os textos de opinión serán máis curtos: terán unha extensión de 120 palabras, fronte ás 150 actuais.
En relación ao resto dos exames, as variacións son mínimas, incluso en casos como o de Historia de España, que foi foco da polémica da PAU deste ano por problemas de formulación nas preguntas. O que si se detecta é un aumento do tamaño dos textos a analizar, como no caso de Historia da Filosofía, e da indicación aos alumnos a que “razoen” as súas respostas, ademais de calculalas, como sucede co exame de Matemáticas II. En Historia da Filosofía, por exemplo, a disertación quedará limitada a 20 liñas, cinco menos que no modelo deste ano.
Os novos modelos permiten comprobar que a estrutura xeral da proba mantense: os exames seguirán contando con catro preguntas de resposta obrigatoria e, en determinados apartados, ofrecerán distintas posibilidades de elección. A publicación destas prodúcese despois dun curso marcado polas polémicas en torno a algúns exames da PAU en Galicia, o que levou á Consellería de Educación e ás universidades galegas a acordar unha reforma progresiva da xestión da proba, que inclúe un reforzo da revisión previa dos exames.
A asignatura que aínda queda pendente é Debuxo Técnico, xa que é a única das 39 materias que non dispón por agora dun modelo de exame de 2027 publicado pola CIUG. Con todos os modelos do 2027 xa publicados, estudantes e profesorado teñen a primeira versión do que terán que afrontar o próximo xuño con case nove meses de marxe.
Contenido patrocinado
También te puede interesar