O nacionalismo marcha polo "dereito a decidir"

Galicia

Un milleiro de persoas percorreu Santiago baixo o lema de "Galicia nación"

axencias
Publicado: 19 abr 2021 - 02:32 Actualizado: 20 abr 2021 - 03:01
Asistentes á marcha, na Praza da Quintana.
Asistentes á marcha, na Praza da Quintana.

Máis dun milleiro de persoas percorreron as rúas de Santiago na mañá do domingo nunha protesta para clamar que Galicia "é unha nación" que ten "dereito a decidir por si mesma", tamén ante os retos sanitarios e económicos que deixa tras de si a crise sanitaria do coronavirus. A marcha, convocada pola plataforma Vía Galega, partiu ás 11,30 horas da Alameda compostelá para finalizar pasado o mediodía en Praza da Quintana. Os manifestantes, todos eles ataviados con máscara, estiveron organizados en tres ringleiras cando percorrían o Ensanche e en dous polo centro histórico, de rúas máis estreitas, para manter a distancia social entre eles.

A portavoz de Vía Galega, María Xosé Bravo, explicou ante os medios antes de iniciar a protesta que o seu labor é "defender os intereses de Galicia" para que teña "voz e voto" naquelas cuestións "básicas" que lle afectan. Así, fixo un chamamento á mobilización de "todas aquelas galegas e galegos que defenden o dereito a decidir e que comparten tres cuestiones básicas: Galiza é unha nación, temos dereitos e fagamos ouvir a nosa voz".

Bravo recalcou que ante a tripla crise "económica, social e sanitaria" actual, "son necesarias respostas galegas": "É necesario que os galegos decidamos nós sobre o noso, que busquemos nós solucións aos nosos problemas".

Estas ideas, explicou, son as que moven a case 70 asociacións e 1.500 persoas que fai tres anos crearon a plataforma Vía Galega "para defender os intereses de Galiza". "Para que aí onde se decida sobre o noso, estea Galiza con voz e con voto sobre cuestións que son básicas. Iso é do que falamos cando falamos do dereito a decidir", subliñou Bravo.

Ao longo da marcha, "España é a nosa ruína", "Goberno aquí e non en Madrid" e "traballo digno na nosa terra" foron algunhas das consignas escoitadas onte polas rúas de Santiago, xunto á xa habitual: "Que queiran, que non, Galiza é unha nación".

Na manifestación participaron diferentes figuras e personalidades do nacionalismo galego tanto político como civil. Entre elas, estiveron a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, o deputado da mesa formación no Congreso, Néstor Rego; o secretario nacional da CIG, Paulo Carril; as actrices Neves Rodríguez e Isabel Risco, e o escritor Suso de Toro.

Contenido patrocinado

stats