"As mulleres que teñen fillos están moito máis discriminados"
Milagros Otero Parga Valedora do Pobo
Milagros Otero é a primeira muller que senta na cadeira do Valedor do Pobo.
Como soubo que o PP a ía propoñer para o cargo?
Pois a verdade que foi toda unha nova porque en ningún momento da miña vida tiven ningunha pretensión de ámbito que non fose a miña carreira universitaria. Nun momento dado o Partido Popular, que foi o que me propuso a min, chamou para preguntarme si estaba disposta a aceptar. Despois de ter unha sorpresa grande, porque non teño aspiración de ningún tipo máis que académico, pois simplemente dixen que estaba ao servizo de Galicia.
Quen a chamou?
(Rise) O Partido Popular.
Feijóo?
Non dixen o presidente, dixen o Partido Popular.
Aceptou de inmediato ou o tivo que pensar?
Aceptei de inmediato porque teño un profundo sentimento de responsabilidade. O que si teño que dicir é que notei no estómago como unha sensación estrana. Sempre pensei que as persoas temos que estar abertas ás posibilidades e pensei de verdade en Galicia. Pensei que era un momento políticamente importante, pensei que hai moitísimo traballo que facer dende esta institución. Despois de preguntarlle se estaba seguro de que o meu perfil era o que máis podía interesar, porque nunca tiven ningunha actividade política, respondéronme que precisamente era ese perfil o que se buscaba, que non sexa político, que non sexa xudicial, que sexa un perfil de persoa simplemente preocupada... Preguntaron cal era a miña forma de ver o dereito. Esa búsqueda que eu sempre tiven da xustiza por encima da legalidade, incluso esa defensa de valores pois parecía que era o perfil que podía ser interesante para Valedor. Iso foi únicamente o que falamos.
É a primeira muller numeraria da Real Academia Galega de Lexislación e Xurisprudencia, a única decana da Facultade de Dereito e agora a primeira Valedora. Abre portas ou lle vai a marcha?
Iso de que me vai a marcha a verdade non sei moi ben en que sentido tomalo.
No de precursora.
É unha cuestión de oportunidade máis ben. Penso que antes cá min tiña que ter habido moitas outras. Ser o primeiro é simplemente non ter diante a ninguén. Se o da marcha refírese a si o busquei, non. Non me propusen nin estiven agardando por esas cousas que dende o meu punto de vista son honores. Valoro moito esa circunstancia e síntome moi honrada, pero penso que é puramente circunstancial. Outras mulleres antes que min deberían ter sido.
Foille fácil como muller chegar a eses cargos?
Eu penso que as mulleres e os homes deberían ser considerados absolutamente iguais. Non porque sexan iguais exactamente, xa que afortunadamente somos diferentes, senón porque a intelegencia, a vontade ou a capacidade de traballo non teñen sexo. Eu procedo dunha familia de mulleres. Somos cinco irmás e un único irmán, que é máis pequeno. A min educáronme en facer as cousas o mellor que puidese. Era a miña obrigación. E non merecía ningún outro mérito nin ningunha outra cousa. Sempre traballei así, sen preocuparme de si era home ou muller. Simplemente quería facer as cousas o mellor posible. De intelixencia son unha persoa absolutamente normal, pero son moi traballadora. Gústame traballar e teño unha vantaxe cara a iso que pregunta. Realmente as mulleres que están moito máis discriminadas e teñen moitos problemas son as que teñen fillos. As mulleres como eu, que non están casadas e non teñen fillos, a verdade é que temos moitas máis posibilidades. As que teñen de verdade problemas son as que teñen outras ocupacións ademais das laborais.
O PSOE non puxo atrancos ao seu nomeamento.
Son unha muller de consenso, de mediación, unha muller de cultura de paz. Son unha persoa á que non lle gustan os conflitos e penso que moitas veces poderíanse solucianar antes de producirse sinxelamente falando. Teño moita fe na capacidade das persoas para resolver os seus propios problemas. Creo que falando enténdese case todo o mundo. E digo case porque a vida ensinoume que non se entenden todos, enténdense os que se queren entender. Hai quen non se quere entender e entón dá igual que fales ata fartarte, pero en xeral teño moita fe na raza humana. É como a tarefa que facemos aquí. Cando hai un problema concreto porque nolo pantean ou o observamos na rúa, chamamos ás persoas e preguntámoslles polo problema.
Dirixentes do PSOE cualificáronma de muller sensata, aínda que escorada cara a dereita. Tiraralle das orellas á Xunta si é necesario?
Por suposto. Gústame moito que me consideren unha muller sensata porque o son. É certo. Penso moito as cousas. Nunca actúo ás arroutadas, sempre penso os pros e contras. Pola miña formación en Dereito, pero non en Dereito positivo, en leis, senón pola Filosofía do Dereito, sei que case nunca hai o branco ou o negro, case todo é gris, case todo depende das circunstancias. Teño moi claro o concepto da responsabilidade porque o teño moi estudado; teño moi claro o concepto da xustiza, o dos deberes... Son case os pés que me dediquei a estudar toda a miña vida. Sabía a responsabilidade que asumía cando aceptei este cargo e determina que cando haxa que darlle un toque de atención a quen sexa daráselle. É a miña obrigación e non significará un problema. Varias persoas, xornalistas sustancialmente, fixéronme esta mesma pregunta. Se cadra é que está na rúa. A min sorpréndeme porque baixo ningún punto de vista poderíalleme ocorrer que puidese ser doutra forma. Esta é unha institución absolutamente independente que non depende do Goberno. Evidentemente, ao Valedor do Pobo propono un partido e non vai propoñer a unha persoa que sexa totalmente allea ao que ese partido considera que pode ser mellor. Pero esa é a única significación que ten. A min sorpréndeme que alguén poida dubidar diso.
Unha muller ou un home de Toén pode pensar que como a propuxo o PP...
(Interrompe) Claro, pero sempre che ten que propoñer alguén. Creo que si os outros partidos políticos dubidasen de que eu puidese desenvolver a miña función dese xeito non me terían apoiado.
Fai uns días chamou a unha familia a través dunha radio para preocuparse e conseguir apoio pedagóxico para un neno con atraso psicomotor. Estamos ante unha maneira diferente de actuar?
Estamos ante unha nova Valedora. Estamos ante unha muller que coñece, valora e entende moito o traballo dos valedores anteriores porque estou absolutamente convencida de que o fixeron con ilusión e do mellor xeito posible. Agora hai unha nova Valedora. Simplemente iso. E, por suposto é diferente.
Pois como siga lendo periódicos e escoitando a radio non lle chegarán as horas do día para atender a tanta queixa.
E que non me chegan. Eu estou aquí normalmente unhas doce horas.
De que se queixa a Valedora?
De nada. Eu son unha persoa afortunada. Teño moita sorte, non teño dereito a queixarme de nada.
Que pensaba cando o PP falou da posibilidade de suprimir institucións como a que dirixe?
Eu tiña estudada a institución do Valedor desde o punto de vista académico. En México son asesora académica da Comisión de Dereitos Humanos do Estado de México e era unha figura moi próxima. Pensei que é unha mágoa que a xente só fixese valoracións económicas. A institución de defensa dos valores humanos, sexa o nome que sexa, non se pode medir en cartos. A nosa nin sequera é cara. É a máis barata de todo o Estado español, excepto Navarra. Fixemos as contas, temos un 1,7 millóns de orzamento e saímoslle a cada galego por menos dun euro ao ano.
Entendo que non estaba a favor de suprimir a insititución?
Por suposto. Estou moi a favor desta institución, creo que ten un alto contido social e non se pode figurar a cantidade de cousas que se arranxan nesta institución. Moitas. Ponse de acuerdo a moita xente e soluciónanse problemas que son simplemente de falar.
Contenido patrocinado
También te puede interesar