Morre Beiras, guía galeguista da Transición ao século XXI
Faleceu en Brión aos 90 anos como figura clave na política galega das últimas catro décadas
“Estou cumprido”. Con esa frase se despediu da vida parlamentaria hai unha década Xosé Manuel Beiras Torrado, pensador, economista e tradutor de Albert Camus ao galego, que marcou a historia política da esquerda moderna en Galicia. Faleceu o 8 de outubro de 2026 na súa casa da Reboraina, en Brión (A Coruña), acompañado da súa familia. Nacera en Santiago o 7 de abril de 1936.
Ademais de político, ideólogo e profesor, “O Beiras” foi tamén pai de dous fillos e compañeiro da pintora Aurichu Pereira, a quen definía como a súa “euménide” e que morreu no outono de 2023. A súa faceta pública fíxoo icona de rebeldía para varias xeracións. No imaxinario colectivo de Galicia pervive a imaxe do líder carismático, de barba e cabelo platino, co xesto entre a calma e, por momentos, a furia, e co ton de profesor na aula e de político na praza pública.
A súa traxectoria atravesa boa parte da historia política da Galicia contemporánea: a oposición ao franquismo, a reconstrución do galeguismo político, a consolidación do BNG como segunda forza do país, a ruptura coa fronte nacionalista e a posterior experiencia das confluencias de esquerdas. Foi unha viaxe de ida e volta, que o levou do nacionalismo á confluencia coa esquerda federal até volver pedir o voto para o BNG.
Formación e pensamento
Licenciouse en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela en 1957 e completou a súa formación na Sorbona de París e en Londres, onde pasou pola London School of Economics. Esa bagaxe académica, unida a un referente familiar decisivo, o seu pai, Manuel Beiras, vinculado ao Partido Galeguista durante a Segunda República, levouno a comezos dos anos 60 a comprometerse coa reconstrución do galeguismo e a ser membro fundador do Partido Socialista Galego, daquela na clandestinidade.
Nesa década regresou a Galicia como profesor na Facultade de Económicas da USC. Algúns dos seus alumnos destacaban a súa teimosía en ensinar a aprender a pensar. Definido como marxista, foi economista, ensaísta e un intelectual que fixo de Galicia o seu obxecto de estudo e de vida, cun legado en varios libros que aínda se citan nas aulas galegas. Nos anos 70, ademais de ser secretario xeral do PSG, publicou O atraso económico de Galicia (1972), ensaio que deu ao país o impulso que quizais necesitaba e que para algúns teóricos marcou unha época. Nos anos 80, tras superar unha crise persoal que definiu como unha “baixada aos infernos”, participou na constitución do BNG. En 1985 tomou posesión por primeira vez como deputado do Parlamento de Galicia, sendo o único representante do Bloque, e repetiu na Cámara até 2005.
En 1997 logrou o mellor resultado do BNG até aquel momento: 18 deputados e a segunda posición. Crítico co poder, será lembrado por episodios xa icónicos da política galega, como o “zapatazo” de 1993. Zapato en man desde o seu escano, reaccionou contra o entón presidente da Xunta, Manuel Fraga, durante o debate sobre a reforma do regulamento da Cámara. Co mesmo Fraga protagonizou en 2002 unha histórica comida, e con el tivo outros xestos de achegamento, nun vínculo de rivalidade histórica e respecto intelectual mutuo. Ese vínculo reproduciríao máis tarde con Alberto Núñez Feijóo. A Feijóo, nun debate no hemiciclo, tras saír á luz as fotografías con Marcial Dorado, esixiulle “decencia” ao entón titular do Goberno galego mentres golpeaba co puño a mesa do seu escano. Eran os seus últimos días como portavoz parlamentar do grupo nacionalista.
De Anova a En Marea, na onda da nova política
Despois de de tocar teito electoral e do bipartito, a relación co BNG comezou a deteriorarse. As diferenzas estratéxicas, así como as súas críticas ao peso da UPG e ao funcionamento interno da organización, foron aumentando até desembocar nunha ruptura.
O punto de inflexión produciuse en xaneiro de 2012, na XIII Asemblea Nacional do Bloque, celebrada en Amio, onde as diferenzas entre as distintas correntes terminaron provocando a saída de Beiras e dos sectores que o apoiaban, entre eles o que despois sería alcalde de Santiago, Martiño Noriega, co que mantería unha relación de amizade e paterno-filial no político. Pouco despois constituíu Anova-Irmandade Nacionalista, que tería en Beiras a unha das súas principais referencias. Con Alternativa Galega de Esquerda (AGE), coalición formada para as eleccións autonómicas de 2012 por Anova e Esquerda Unida, entre outras organizacións, e da que formou parte tamén Yolanda Díaz, a quen Beiras chegou a acusar de traizoalo.
E de AGE ás mareas municipalistas, coa construción a nivel autonómico de En Marea, espazo no que participaban Anova, Esquerda Unida e Podemos, entre outras forzas e actores políticos. Baixo esta fórmula, os comicios locais de 2015 levaron a estas candidaturas aos gobernos de varias das principais cidades galegas, como A Coruña, Santiago e Ferrol. Xa en 2016, e sen Beiras nas listas, En Marea chegaría até os 14 deputados na Cámara galega, pero durante a lexislatura diferentes conflitos internos terminarían provocando a fragmentación do espazo.
Despois deste episodio, Xosé Manuel Beiras reformularía a súa postura sobre as confluencias con partidos estatais e iniciaríase así o reencontro co BNG.
No Foro La Región na campaña do 2012, cara a un gran éxito electoral
Durante catro décadas, Beiras percorreu o país en múltiples ocasións dando mitins, pronunciando conferencias e participando en espazos de debate público. En setembro de 2012 foi o protagonista do Foro La Región. A súa intervención, ademais de servir para incidir no programa electoral da organización política á que representaba naquel momento, AGE, serviu tamén para inaugurar o ciclo de conferencias políticas organizado polo Foro. O histórico líder nacionalista, que por primeira vez optaba ao Parlamento de Galicia fóra das filas do BNG, estivo no Auditorio Municipal de Ourense. Aquela campaña, que comezara con poucas expectativas despois da traumática saída do Bloque, acabou sendo outro éxito electoral para Beiras -o último como candidato á Presidencia-, que non só conseguiu 9 escanos no Parlamento senón que tamén superou ao propio BNG. AGE sería despois o xermolo de En Marea.
Contenido patrocinado
También te puede interesar