Miles de persoas maniféstanse en Santiago en defensa do galego

Na marcha, que transcorreu dende a Alameda ata a Praza do Obradoiro, participaron os líderes políticos da oposición Pontón e Besteiro

Publicado: 23 feb 2025 - 13:23 Actualizado: 24 feb 2025 - 09:58

Milleiros de personas protestando pola situación do galego, este domingo na Praza do Obradoiro.
Milleiros de personas protestando pola situación do galego, este domingo na Praza do Obradoiro. | EP

Membros de colectivos políticos, sindicais e asociacións de diferente índole, entre outros, manifestáronse este domingo en Santiago para defender o galego ante a "emerxencia lingüística extrema" e para "dar outra lección de dignidade ao Goberno galego".

Convocada pola Plataforma Queremos Galego -que agrupa a 600 colectivos sociais-, a manifestación, cuxo lema era "Lingua vital xa!", partiu ás 12.00 horas desde a Alameda compostelá e percorreu as rúas até chegar á Praza do Obradoiro, onde se leu un manifesto.

En declaracións aos medios antes de iniciar a protesta, o portavoz da plataforma convocante, Marcos Maceira, asegurou que este domingo a sociedade galega "vai dar outra lección de dignidade ao Goberno galego". Ademais, destacou que fronte á mobilización que houbo en novembro, o goberno decidiu reaccionar "pero só en aparencia". Neste sentido, sinalou que convocaron unhas comisións "con absoluta opacidade".

"O Goberno galego se quere reaccionar, se quere tomar medidas, sabe moi ben o que ten que facer. Para comezar, cumprir e mostrar a vontade de cumprimento dos acordos que están tomados. E en segundo lugar, abrir un proceso amplo, un proceso plural, un proceso participativo", reivindicou Maceira.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, pediu ao presidente da Xunta “que deixe de negar a realidade e que deixe de manipular os datos oficiais”. “Hoxe é o día de Rosalía, o día no que os galegos e as galegas celebramos o orgullo de ter unha lingua propia. Estamos aquí un país enteiro en pé para defender que queremos seguir vivindo en galego”, aseverou. Así mesmo, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, pediu ao presidente da Xunta que “escoite a mensaxe clara” dos galegos e reivindicou que “sen lingua non hai país”. Deste xeito, o socialista defendeu a importancia de “protexer, preservar e potenciar” o galego. Nesta liña expresouse o que fora coordinador de Cultura do PPdeG, Daniel Chapela, que dimitiu entre críticas á “incompetencia” do conselleiro López Campos. Tamén acudiu a secretaria nacional de DDHH de Sumar, Rocío Núñez Rúa.

Contenido patrocinado

stats