Miguel Corgos: “Entendemos que a presión fiscal xa é o suficientemente alta en Galicia”

Miguel Corgos é conselleiro de Facenda e leva no cargo desde o ano 2021

Erik Dobaño
Publicado: 29 oct 2023 - 10:48
Miguel Corgos, conselleiro de Facenda e Administración Pública.
Miguel Corgos, conselleiro de Facenda e Administración Pública.

Miguel Corgos, o conselleiro de Facenda, atende a La Región xusto despois de ter presentado en comisión parlamentaria, o pasado xoves, as contas para 2024. Admite que a recepción dos orzamentos por parte da oposición foi a esperada: “Lanzan mensaxes contraditorias, como que as contas son pouco ambiciosas e, á vez, electoralistas”.

Cal foi o problema co Estado para elaborar as contas de 2024?

Nós facemos sempre estimacións en función do que nos van dicindo en relación dos ingresos da Agencia Tributaria, mais o dato exacto teno que aportar a Administración Xeral do Estado e supón, neste ano, o 76% dos ingresos do orzamento. Habitualmente tiñamos ese dato a finais de xuño e aínda non o temos. Non contar con ese dato engade moita incerteza. Tampouco houbo proposta nin debate sobre o nivel de endebedamento no Consejo de Política Fiscal y Financiera. Así que o que fixemos foi coller a estimación de endebedamento dun plan que remite o Ministerio de Hacienda á Comisión Europea.

O PP vén de aprobar no Parlamento unha advertencia a Pedro Sánchez de que Galicia non pode saír prexudicada polas negociacións que mantén cos grupos cataláns para a súa investidura. Que risco hai?

Evidentemente, cada vez que se abre o melón do sistema de financiamento, hai un risco de perder fondos, ou obter máis... Aquí repártense recursos públicos e nós defendemos unha lóxica de reparto que entendemos que é a que ten o mellor encaixe constitucional; isto é, os fondos para sanidade, educación e política social deben distribuírse en función da poboación e do custe da prestación deses servizos no territorio. A sanidade, por exemplo, está relacionada coa idade da poboación. Outro factor de ponderación debe ser a dispersión da poboación. Non é o mesmo ter unha escola en Madrid, con aulas cheas, que ter escolas no rural galego con aulas de dez ou doce nenos. O custe en Galicia multiplícase, e isto debería recoñecerse.

No referido a Ourense, un terzo dos orzamentos 2024 son gasto sanitario, e boa parte dese gasto será en obras. Como valora esta distribución?

Orzamentamos obra, mais tamén orzamentamos investimento en atención corrente. O gasto sanitario ten correlación directa coa media de idade da poboación. Por vez primeira supéranse os 600 millóns de euros en investimentos nas áreas sanitarias de Ourense, Verín e Valdeorras, cunha mellora dun 6% a respecto das últimas contas. Pero medra un 8% o gasto en persoal, nestas áreas estamos pagando a máis de 6.000 profesionais. E, ao mesmo tempo, financiamos grandes investimentos, case 30 millóns para o plan director do Hospital de Ourense, dez millóns máis que no ano 23, e intervirase nas UCI e noutras áreas como cardioloxía. É preciso habilitar e modernizar as instalacións.

Nas contas volve aparecer o Centro de Ciberseguridade para Ourense. Cando estará executado?

Rematou o prazo de presentación de propostas e as obras están a piques de seren adxudicadas. O investimento superará os 6 millóns de euros, dos que xa aparecen 4,1 para o ano 24. É un proxecto plurianual e o ano próximo haberá que engadir o resto para equipamento do centro. Supervisei persoalmente o proxecto. É un proxecto de futuro importante. Eu diría que un dos fitos dos orzamentos en Ourense, porque pretendemos consolidar Ourense como a capital da ciberseguridade de Galicia e desenvolver un “hub” co centro estatal de ciberseguridade de León.

Os grandes titulares deste ano foron máis gasto, gasto récord, e menos impostos. Como se cadran? Gastamos máis e ingresamos menos?

Non, non. Gastamos máis porque ingresamos máis. O que facemos cada ano e ver como gastamos o que temos. O primeiro que se fai é unha estimación de canto imos dispoñer. E a primeira decisión que tomamos foi mellorar a prestación de servizos en sanidade, educación e política social. A seguinte foi decidir entre outros investimentos e beneficios fiscais. Nun contexto de ampla incerteza, optamos por continuar cos investimentos porque contamos coa achega dos fondos europeos de recuperación após da pandemia e podemos continuar facilitándolle a vida á xente. Neste caso non falo só dos grandes tributos que se deflactaron o ano pasado, falo tamén da baixada do imposto de transmisións para vehículos de segunda man, para a compra de vivenda usada, conxelación de taxas, dos prezos dos comedores ou da gratuidade das gardarías.

Como se xustifican transferencias que non discriminan por renda como o bono deportivo?

Cada decisión ten un obxectivo. Evidentemente, a medida do bono deportivo non está enfocada a distribuír a renda e a riqueza. Está enfocada a aliviar a carga familiar derivada da actividade deportiva dos nenos para fomentar esa actividade, a que ninguén se quede sen practicar esas actividades porque non alcanzan os recursos familiares.

Estivo na Administración Fraga, na de Touriño, na de Feijóo e, agora, con Rueda. Hai unha política fiscal de dereitas e outra de esquerdas? Ou hai máis matices?

Os diferentes gobernos teñen políticas fiscais diferentes. Pero en Facenda, cando deseñamos a política fiscal, non poñemos os anteollos ideolóxicos. O que buscamos é o beneficio para as galegas e os galegos. Mire, hai medidas que se dixo que eran de dereitas e agora dise que son de esquerdas; e ao revés tamén. Por exemplo, Solbes e Salgado, ministro e ministra do PSOE, eliminaron o imposto ao patrimonio. Hoxe, resulta que o que é de esquerdas e gravar o patrimonio, e gravalo dúas veces invadindo competencias autonómicas. Se me permite a ironía, parece que as políticas fiscais poden cambiar de ideoloxía.

Nunhas contas ideais: onde recadaría máis e onde destinaría máis?

Penso que a presión fiscal é xa o suficientemente alta. Penso que por este lado o problema non é que pague máis quen xa paga, senón que haxa máis xente pagando impostos. Así que non me gustaría esixirlles aos galegos que acheguen máis cartos en forma de impostos. O que si me gustaría e ter a capacidade de dispoñer dos recursos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia que está a executar o Estado para avanzar neses proxectos público-privados que estamos a impulsar en Galicia. Hoxe eses fondos están atascados. E avanzar nos proxectos podería transformar a nosa capacidade industrial.

Contenido patrocinado

stats