Microformacións para mellorar a empregabilidade e cubrir vacantes

A Xunta impulsa experiencias curtas de aprendizaxe como un eixo estratéxico cara a un mercado laboral máis flexible

J.L.D.
Publicado: 25 ago 2024 - 06:40
A flexibilización da formación permite casar a oferta e a demanda laboral.
A flexibilización da formación permite casar a oferta e a demanda laboral.

Galicia é a comunidade autónoma pioneira en España en apostar polas microformacións, unha ferramenta estratéxica para incrementar as oportunidades laborais das persoas traballadoras, atender as necesidades do tecido produtivo e ofrecer solucións efectivas inmediatas para afrontar un dos grandes retos do mercado, como é o de cubrir as vacantes laborais existentes. Ademais, teñen a vantaxe de facilitar de xeito áxil as transicións profesionais nos sectores con maior impacto e proxección.

Neste contexto, a flexibilización da formación e a aposta polas experiencias de aprendizaxe de curta duración está sendo un dos eixos estruturais do Goberno autonómico galego na súa política de emprego. Este compromiso estratéxico alíñase, ademais, co sistema de microcredenciais polo que avoga a Unión Europea como un instrumento fundamental para fomentar máis e mellor emprego de calidade, garantir que as persoas teñan os coñecementos, capacidades e competencias que precisan para acceder a novas oportunidades ou avanzar na súa vida profesional, así como dar resposta ao desafío de axeitar de xeito eficaz a oferta e a demanda laboral.

Formación a demanda

No marco desta aposta vén de aprobarse recentemente, cun orzamento de catro millóns de euros, unha convocatoria pioneira destinada especificamente ao financiamento de accións formativas a demanda do tecido produtivo galego e dirixidas a persoas traballadoras ocupadas.

A través desta orde, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración dá un paso máis nesta liña, xa que, ademais de incentivar a obtención de certificados profesionais (grao C), contempla tamén de xeito decisivo as formacións de curta duración (grao B, certificados de competencia) e as microformacións (grao A, acreditación parcial) co obxectivo de garantir -sen rixidez e de xeito áxil e inmediato- a adquisición de novos coñecementos requiridos hoxe polas empresas galegas. Isto permitirá reforzar a capacitación dos traballadores, fomentando o seu crecemento profesional, e cubrir os perfís relacionados coas competencias e habilidades máis demandadas polo tecido empresarial.

Así, grazas a esta convocatoria, unha empresa poderá solicitar, segundo as súas necesidades, unha formación ampla de grao C -entre 600 e 1.000 horas- nun determinado ámbito, podendo fragmentar de xeito máis cirúrxico a súa demanda, optando só por un módulo de entre 200 e 300 horas (grao B) ou mesmo un tema concreto incluído nese mesmo módulo, en torno ás 30 ou 40 horas (grao A). Por exemplo, unha entidade do sector TIC poderá requirir para os seus traballadores -a través das entidades e centros de formación acreditados- unha formación específica sobre instalación e mantemento de sistemas domóticos (grao B) ou acotalo aínda máis a unha microacreditación centrada exclusivamente en conectividade dun proxecto destas características (grao A); ou unha compañía do sector naval, demandar un curso sobre documentación técnica para construción e reparación naval ou centrarse unicamente no módulo de deseño 2D e 3D.

Convocatoria innovadora

A convocatoria realízase en réxime de concorrencia non competitiva. Para poder beneficiarse da axuda, as entidades ou centros de formación acreditados deberán presentar, xunto coa solicitude, un compromiso previo de participación dun número de alumnos mínimo: 10 no caso de formacións presenciais e 15, en teleformación.

A contía da subvención por cada acción formativa calcularase en función do alumnado participante, das horas de formación, da especialidade formativa ou da modalidade de impartición, podendo outorgarse ás entidades anticipos do 60 por cento.

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto dende a súa publicación no DOG -prevista para os vindeiros días- ata o 31 de outubro de 2024, sendo a data límite para o remate das accións formativas o 30 de novembro.

Flexibilización da formación para o emprego

A Xunta está comprometida co mantemento dun mercado laboral dinámico e inclusivo, apostando pola microformación e as novas tecnoloxías -como a ferramenta de intelixencia artificial EMi coa que se está a modernizar o Servizo Público de Emprego- para cubrir as vacantes do mercado e casar de xeito máis efectivo oferta e demanda.

Neste contexto destacan outras iniciativas como o Bono Talento Empresa, dotado con dous millóns de euros. Con esta medida fináncianse formacións non regradas de curta duración, axustadas ás necesidades particulares de cada empresa e tendo moi en conta a esixencia da recualificación profesional constante das persoas traballadoras en activo. As solicitudes poden presentarse ata o 16 de setembro.

Tamén segue aberta ata o 30 de setembro a convocatoria deste ano cun importe de oito millóns de euros para que as empresas galegas poidan cualificar máis de 3.000 persoas desempregadas con unidades formativas. É unha iniciativa coa que se axuda ás empresas a impartir a súa propia cualificación sempre que se comprometan a contratar a polo menos un 40 por cento do alumnado que participe na acción formativa.

Ademais, a Xunta ten asinados convenios cos principais clústeres galegos e entidades representativas de doce sectores estratéxicos para continuar a impulsar unha formación axustada á demanda do tecido produtivo. O obxectivo é promover unha oferta que dea resposta ás necesidades de competencias nun mercado laboral en continuo cambio.

Contenido patrocinado

stats